A navalla de Ockham e a polémica sobre o plan de rescate da hostalería e turismo

Pontevedra
29 de xaneiro 2021

No Pleno ordinario da Deputación de Pontevedra celebrado este venres Goberno e oposición enfrontaron senllas mocións coas súas respectivas posturas respecto ao Plan de Rescate

Pleno da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

No pleno ordinario da Deputación de Pontevedra celebrado este venres goberno e oposición enfrontaron senllas mocións coas súas respectivas posturas respecto ao Plan de Rescate.

Para entender toda esta polémica o propio portavoz do PP, Jorge Cubela convidou a acudir ao coñecido como principio de "A navalla de Ockham" atribuído ao frade franciscano Guillermo de Ockham (1280-1349), segundo o cal "en igualdade de condicións, a explicación máis sinxela adoita ser a máis probable". 

Pois ben, os políticos acusaron, uns á Xunta e outros á Deputación, de "marear a perdiz", "tentar escaquearse" ou "tentar enganar á cidadanía" con estas axudas aos sectores afectados pola pandemia.

Así, por unha banda, saíu aprobada a iniciativa conxunta do Partido Socialista e o BNG na que os grupos provinciais de ambas as formacións políticas solicitan a creación dunha liña de axudas aos sectores afectados polas restricións sanitarias.

Por outra banda, a moción do Partido Popular en relación ao fondo de cooperación covid-19 para a hostalería non obtivo o respaldo do resto dos deputados.

O deputado socialista Carlos López Font defendeu que todas as administracións galegas somen forzas destinando o 1% do seu orzamento de 2021 a un fondo común de rescate para o sector da hostalería e o turismo, o que permitiría crear e coordinar un gran plan de axudas directas ao sector por importe de máis de 140 millóns de euros, un orzamento "casi tres veces superior a los 50 millones que propone el gobierno gallego" que preside Alberto Núñez Feijóo.

O portavoz do BNG e vicepresidente da Deputación, César Mosquera lamentou que o debate sobre as axudas converteuse en "un campo de batalla francamente desagradable" cando esta proposta "ten unha vontade radicalmente de man tendida".

Tamén lamentou o portavoz do PP, Jorge Cubela a existencia de discrepancias "á hora de dar axudas" defendendo que a Xunta xa leva destinadas axudas por máis do 1,5% do seu orzamento e acusando o Goberno provincial de "vivir conspirando".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva pechou o debate ratificando que esta administración provincial "seguiremos achegando o 1% do orzamento aínda que non é a nosa competencia".

EDIFICIO CASTELAO

Por unanimidade aprobouse a proposta do vicepresidente da Deputación e delegado do Museo de Pontevedra, César Mosquera, para denominar ao Sexto Edificio do Museo como "Edificio Castelao".

Mosquera lembrou que o ilustre galeguista foi un dos fundadores do Museo, membro do seu Padroado, e a persoa da que a institución pontevedresa conta con máis fondos, aos que vén de sumar o 'Álbum Nós'. Segundo explicou o vicepresidente, a iniciativa partiu do Consello Asesor do Museo e con ela "completarase a reparación de certa inxustiza histórica con Castelao".

Á marxe deste paso administrativo "innecesario pero transcendente" que é a aprobación por parte do Pleno, o Goberno provincial sopesa tamén a posibilidade de realizar algún tipo de evento conmemorativo en función das posibilidades que permita a pandemia.

XABARÍN CLUB

O pleno aprobou por unanimidade de todos os grupos unha moción do BNG na que reclamaba apoio á creación dunha canle Xabarín Club na Televisión de Galicia para unha maior difusión da lingua galega entre os máis novos.

A Televisión de Galicia emitiu por primeira vez a programación do Xabarín Club en 1994, polo que se acaban de cumprir 26 anos daquel éxito televisivo.

Para chegar á unanimidade, aprobouse a emenda presentada polo PP que puntualizaba a necesidade de esixir medidas non só ao goberno galego, senón tamén ao Estado, ao Goberno central e ás Cortes Xerais, ao dispoñer estas de competencias exclusivas para que a Corporación de Radio Televisión Española emita os seus contidos con opción dobrada ao galego, así como para impulsar a recepción mutua da RTP-TVG en Galicia e Portugal.