A Operación Centinela Galego conclúe con incremento do número de avisos sobre incendios

Pontevedra
16 de setembro 2015

Entre o 15 de xullo e o 15 de setembro estivo despregado o dispositivo de vixilancia dos montes en tres das catro provincias galegas. O balance da operación considérase positivo.

Operación Centinela Gallego 2015 da Brilat BRILAT OC

Os preto de medio milleiro de militares que nos dous últimos meses participaron na Operación Centinela Galego concluíron esta semana o dispositivo despregado durante este verán. A novidade foi a incorporación do sistema RAVEN, co que se realizaron medio centenar de voos.

Nesta ocasión a operación termina con máis de 170 avisos sobre incendios, queimas de restrollos, presenza de persoas sospeitosas ó de material incendiario. Unha cifra superior á rexistrada no despregamento do ano anterior, cando os avisos recibidos roldaron o centenar. Así, o obxectivo da operación considérase cumprido e o balance positivo. Resáltase ademais o eficaz labor de vixilancia e disuasión que realizan as patrullas e a boa aceptación que, cada ano, demostran os cidadáns.

Na Centinela Galego deste 2015, despregada nos montes da Comunidade, participaron persoal e medios da Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable "Galicia" VII, Brilat, procedentes das sedes de Pontevedra, Asturias e Valladolid. Xunto a estas unidades tamén tomaron parte efectivos da Armada pertencentes ao Tercio Norte de Infantería de Marina de Ferrol.

Cubríronse tres das catro provincias galegas, baixo o mando táctico do xefe da Brilat, o xeneral de brigada Luís Cebrián Carbonell; por delegación do xefe do Estado Maior da Defensa, o almirante xeral Fernando García Sánchez, que coordinou todos os medios a través do Mando de Operacións.