A pandemia tamén "complicou" os plans da Deputación para implantar a compostaxe

Pontevedra
26 de xaneiro 2021

O vicepresidente Mosquera asegura que a Deputación "acelerará" o cambio dos sistemas de xestión de lixo nos concellos dispostos a pasarse á compostaxe

Taller do Plan Revitaliza no instituto de Poio Deputación de Pontevedra

O Plan Revitaliza de compostaxe celebra este martes o Día Mundial da Educación Ambiental a piques de chegar aos 8.500 escolares (8.460) nos obradoiros sobre compostaxe celebrados no pasado ano e no que vai deste 2021.

Estas actividades promovidas pola Deputación en colaboración co CEIDA están achegando á rapazada -sempre cumprindo coas recomendacións anticovid- as nocións básicas para xestionar o lixo, un dos principais problemas ambientais a día de hoxe, dunha maneira máis sustentable para o planeta.

Nestas xornadas de formación, lúdicas e dinámicas, veñen de participar ata o de agora 64 centros de ensino, aos que se sumaron tamén durante o verán 12 concellos.

Este martes, o persoal do CEIDA estivo na Escola de Educación Infantil do Con en Moaña, con 18 nenos de Educación Infantil para falar do ‘Xardín dos bichocos’; no IES Poio con 40 alumnas de 3º da ESO explicando a mircrocompostaxe; e tamén no IES As Bizocas de O Grove, con 103 alumnos de 1º e 2º da ESO, explicando nocións básicas sobre compostaxe.

Os vindeiros días desta semana haberá actividades tamén en Vila de Cruces e Ponteareas.

Según explica o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, o proxecto do Revitaliza considerou sempre fundamental a educación ambiental como unha ferramenta para interpretar e comprender o actual problema que os concellos teñen co lixo urbano.

Subliñou a importancia das crianzas e dos centros de ensino na solución dos conflitos ambientais "porque sabemos que ademais da súa concienciación ‘tiran’ das persoas adultas", pero insistiu en que a solución pasa polo cambio de conduta xeral. "Sabemos que isto non só é cousa de nenos, debe haber unha implicación persoal, social, e sobre todo das administracións", subliñou.

Neste sentido, Mosquera reflexionou sobre a importancia de que as institucións fagan cumprir a vixente normativa ambiental. Destacou que existe lexislación a nivel europeo, estatal e autonómica sobre a obrigatoriedade de reciclar o 50% dos residuos urbanos a finais de 2020, e destacou que como a día de hoxe ningún territorio cumpre nin está en visos de cumprir "parece que iso se está a silenciar e a mirar cara o outro lado porque se trata de algo ambiental".

O vicepresidente fixo fincapé en que é fundamental darlle relevancia e vixencia ás leis ambientais por parte dos gobernos, xa que só así a cidadanía poderá entender e interiorizar que o coidado do medio ambiente debe ir "en serio".

"A nosa relación coa natureza ten impacto e consecuencias, unha repercusión que vai máis alá do momento actual, que afecta ao futuro. Estamos a falar de que se incumpre normativa, de contaminación, de gases de efecto invernadoiro… Por iso é relevante actuar xa", subliñou, lembrando que os ‘Concellos Revitaliza’ máis avanzados na extensión da compostaxe son dos mellor posicionados en todo o Estado para cumprir coas obrigas lexislativas en materia de residuos.

"A COVID complicou as cousas, pero estamos en situación de cumprir en breve", dixo. 

Anunciou que a Deputación acelerará aínda máis o proceso de cambio de xestión do lixo para os concellos dispostos a actuar e implantar a compostaxe como pedra angular. "A fase de sensibilización didáctica rematou. Xa todos os concellos coñecen da fiabilidade e funcionamento do Revitaliza. Agora é tempo de que os concellos se incorporen e de dar un salto rápido. Fomos moi rápidos, pero temos que ser máis", subliñou.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora