A peonalización diante do Hospital Provincial afectará tamén a Casimiro Gómez

Pontevedra
17 de agosto 2015

A mesa de contratación reuniuse a semana pasada e decidiuse a súa adxudicación á firma Covsa por 335.429,30 euros. O proxecto inicial planeaba crear unha nova praza de 1.200 metros cadrados peonalizando o tramo comprendido entre a rúa Cobián Areal e a entrada ao servizo de Urxencias do Hospital Provincial

Rúa Loureiro Crespo diante do Hospital Provincial Cristina Saiz

As obras para crear unha gran praza pública peonil diante do Hospital Provincial están xa á volta da esquina. A mesa de contratación reuniuse a semana pasada para decidir entre as ofertas presentadas para executar as obras e decidiuse a súa adxudicación á firma Covsa por 335.429,30 euros.

A voceira do Goberno local, Carme da Silva, anunciou este luns, tras a Xunta de Goberno, que, tal e como foron adxudicadas as obras, supoñerán unha mellora importante no proxecto. A empresa Covsa ofreceu como melloras facer actuacións na rúa Casimiro Gómez, de modo que ese vial queda incluído na zona a mellorar.

O proxecto saíra a licitación por 417.778,81 euros e finalmente adxudicouse por 82.349,51 euros menos e ampliando a zona de actuación. O proxecto inicial planeaba crear unha nova praza de 1.200 metros cadrados peonalizando o tramo comprendido entre a rúa Cobián Areal e a entrada ao servizo de Urxencias do Hospital Provincial.

O Concello calculaba que o procedemento de contratación se iniciaría no mes de xuño e as obras terían un prazo de execución de tres a catro meses, de tal forma que esta adxudicación implica que o proxecto avanza "dentro do prazo". Prevese que a praza estea rematada antes de que finalice o ano 2015.

A actuación afectará con obxectivo de crear un espazo de preferencia peonil, plataforma única, plantación de árbores e novo mobiliario urbano. Esta transformación urbana levará aparellada cambios na circulación do tráfico en todo este ámbito.

OBRAS EN MOURENTE

A Xunta de Goberno local tamén adxudicou as obras de rehabilitación e mellora da estrada N-541 en Mourente. A actuación adxudicouse por 234.083,37 euros á empresa E.C. Casas, que ofrece, como melloras, a instlación de tres lombos.

Ademais, decatouse de que avanzan a bo ritmo as obras de construción do centro social de Salcedo, adxudicadas por un importe total de 708.455 euros. Están "moi avanzadas" e Carme da Silva prevé que "non lle queda moito" para que o edificio estea rematado e poida entrar en funcionamento.