A plataforma de afectados pola PO-234 apoiará a manifestación contra o proxecto

Ponte Caldelas
10 de setembro 2016

Segundo informou a plataforma, decidiron continuar coa presión para acadar o arranxo integral da estrada autonómica PO-234 e, para o caso de que se teña que facer en dúas fases, que se comecen as obras polo lado máis perigoso, é dicir, pola cara de Laxoso

Reunión dos afectados pola estrada de Laxoso a Augasantas
Reunión dos afectados pola estrada de Laxoso a Augasantas / Concello de Ponte Caldelas

A plataforma veciñal de Ponte Caldelas e Cotobade para o arranxo da estrada autonómica PO-234 participou nas asembleas convocadas polo equipo de goberno de Ponte Caldelas e o grupo municipal do Partido Popular e decidiu apoiar a manifestación convocada polo Concello de Ponte Caldelas para o próximo sábado, día 17, ás 12.00 horas, con saída da Casa do Concello e remate na Alameda.

Ademais, segundo informou a plataforma, decidiron continuar coa presión para acadar o arranxo integral da estrada autonómica PO-234 e, para o caso de que se teña que facer en dúas fases, que se comecen as obras polo lado máis perigoso, é dicir, pola cara de Laxoso.

Ademais, os afectados acordaron rexeitar o anuncio realizado pola Xunta de Galicia de que as obras vanse limitar ao lado de Cotobade e un pequeno tramo en Ponte Caldelas, ata o cruzamento de Portasouto, por considerar que ese tramo é o menos urxente.

Na súa opinión, coa actuación anunciada non se resolven os problemas de seguridade viaria na estrada e, polo tanto, non se mellora en nada a calidade de vida nin dos veciños de Ponte Caldelas, nin de Cotobade.

Os afectados instan á Xunta de Galicia, como administración competente e titular da vía, a iniciar canto antes os trámites legais para a obtención dos terreos necesarios polas obras, toda vez que tanto os veciños de Ponte Caldelas como de Cotobade están, na súa práctica totalidade, dispostos á cesión gratuíta dos terreos. Lémbranlle á Xunta de Galicia a súa obriga legal de conservación e mellora da súa rede de estradas, na que a eliminación dos puntos negros e tramos máis conflitivos, debe ser a prioridade.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, indicou este sábado que esixe publicamente á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, que aclare as razóns polas que a correspondencia oficial entre este departamento autonómico e a Alcaldía de Ponte Caldelas, a propósito da "cacicada" da PO-234, foi filtrada ao alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, para facer uso partidista desta documentación.

Pola súa parte, a Xunta anunciou este sábado que, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), remitiulle ao Concello de Ponte Caldelas os planos que indican os terreos que debe poñer a disposición para a execución das obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-234, Augasantas-Ponte Caldelas, ao seu paso por este municipio.

Segundo indicou, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, trasladoulle esta semana por carta ao alcalde que a reforma desta vía é unha actuación necesaria para o goberno galego, que ten interese en acometela canto antes para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade dos usuarios da vía. Así mesmo, indica que esta actuación se dividiu en treitos co obxectivo de facer viable e eficiente a súa realización.

Arquivado en