A plataforma de transporte compartido a demanda funcionará a finais de 2022 para dar servizo ao rural

Pontevedra
12 de febreiro 2021

Este venres o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro Demetrio Gómez recibían a José Manuel Fernández Alvariño, responsable do Grupo Alvariño, matriz de Demesix, empresa galega que xunto a Sicom e Zitycard executarán esta central de reservas a través dunha páxina web e dunha app

José Manuel Fernández Alvariño, entre Beatriz Baamonde e o concelleiro Demetrio Gómez PontevedraViva

O Grupo Alvariño asinaba este venres o contrato co Concello de Pontevedra para executar a plataforma dixital que ofrecerá o servizo de transporte a demanda para as zonas do rural e  periurbanas do municipio.

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro Demetrio Gómez mantiñan un encontro con José Manuel Fernández Alvariño, responsable do Grupo Alvariño, matriz de Demesix, empresa galega que se encargará con Sicom e Zitycard de desenvolver este proxecto que se basea en utilización dun transporte compartido a demanda.

Esta UTE de empresas elaborarán unha ferramenta dixital cun orzamento de 266.587 euros nun prazo máximo de 12 meses. A este período sumarase unha fase de supervisión de nove meses máis.

O concelleiro Demetrio Gómez afirmaba que esta firma é un paso moi importante para este proxecto que se espera que a finais de 2022 ou a inicios de 2023 poida estar plenamente operativo. O representante municipal destacaba que se trata dunha UTE conformada maioritariamente por empresas galegas e sinalou que se trata dunha aposta para que o país atópese na vangarda.

José Manuel Fernández Alvariño, presidente deste Grupo, mostrou a súa satisfacción por ofrecer unha resposta tecnolóxica desde Galicia aos desafíos que demanda a nova mobilidade. Afirmou que esta plataforma para o transporte a demanda será un exemplo do futuro da mobilidade sostible e encomiou o traballo de Pontevedra sinalando que se atopa na vangarda nesta materia: "é unha das primeiras en avanzar, pensa en futuro". Fernández Alvariño indicou que desde agora ata decembro márcanse un prazo para que a plataforma comece a dar os seus primeiros pasos.

Beatriz Baamonde, directora técnica de Demesix, explicaba que o proxecto se atopa encamiñado ás persoas que residen en zonas con menor cobertura de transporte público. A través da plataforma, que se centrará en tecnoloxía web e en aplicacións para móbiles, van poder utilizarse vehículos compartidos que permitirán coordinar as viaxes. Crearase unha central de reservas nas que o cliente deberá realizar unha solicitude anticipada durante a xornada previa, a través de chamada telefónica ou facendo uso da web ou da  app. Os servizos ofreceranse de maneira que se optimice o roteiro do autotaxi que realizará o percorrido.

Ademais, a plataforma dixital contempla a integración doutras opcións como o control de prazas de estacionamento ou o seguimento dos aforos peonís, de maneira que se evite a entrada no centro urbano na procura de aparcamentos no caso de que a plataforma indique que non hai prazas dispoñibles.

O proxecto conta con financiamento dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) "Máis modelo Pontevedra". Os fondos europeos supoñen o 80% da licitación.

A posta en marcha desta iniciativa complétase co estudo da demanda de mobilidade na zona periurbana de Pontevedra, coa análise e proposta de viabilidade da explotación deste servizo. O estudo foi adxudicado á Unión Temporal de Empresas MCRIT S.L. - Seteoitavas por un importe de 76.683 euros, coa inclusión de melloras referidas ao grao de definición do estudo valoradas en 37.500 euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora