A Policía Local non ve "impedimentos de ningún tipo", segundo Yoya Blanco, para trasladar a feira á Alameda

Pontevedra
06 de febreiro 2023

O goberno municipal continúa traballando para trasladar a feira ambulante dos sábados á Alameda. A edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, adiantou que o informe solicitado á Policía Local indica que "non parece que haxa ningún tipo de impedimento"

Alameda de Pontevedra
Alameda de Pontevedra / Mónica Patxot

O goberno municipal continúa traballando para trasladar a feira ambulante dos sábados á Alameda. A edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, adiantou que o informe solicitado á Policía Local indica que "non parece que haxa ningún tipo de impedimento".

O documento pide "unha serie de precisións" que o servizo municipal de mercados realizará ao longo das próximas horas, pero Blanco sostén que "estou contenta" porque, ao parecer, este traslado "non necesitará sequera un plan de tráfico específico".

O informe, ao que tivo acceso PontevedraViva, subliña que Alameda é unha zona peonil no que o estacionamento está prohibido, polo que non se permitirá que os feirantes entren cos seus vehículos a todo este ámbito urbano.

O problema do aparcamento dos feirantes, segundo a concelleira socialista, resolverase usando o estacionamento disuasorio de Mollavao, a zona de As Corbaceiras e o dous aparcadoiros subterráneos da Alameda e a Praza de España.

A este respecto, a Policía Local alerta de que a feira provocará unha "modificación importante" dos fluxos circulatorios na zona e lembra que ao celebrarse en sábado, día laborable, seguirán activa a limitación a quince minutos do estacionamento nas zonas de servizos.

"Á vista deste informe seguiremos traballando para trasladar a feira á Alameda", avanzou a responsable municipal de Promoción Económica, aínda que o informe advirta que esta actividade "colide con outras actividades que habitualmente se desenvolven alí".

O Concello ten ultimado o "plan B" que activará cando determinados eventos, como as Festas da Peregrina ou a Feira Franca, obriguen a buscar un emprazamento alternativo para a feira semanal. "Non haberá problema", subliñou a edil socialista.

A opción "prioritaria" para este tipo de casos será a zona de Campolongo, onde se celebrou a feira de maneira temporal. Yoya Blanco espera que "de aquí a que sexa necesario" a estada que impide que a feira se instale alí sexa retirada.

Este emprazamento era o preferido polos feirantes, pero esta estrutura dificultou a operación "e o traslado había que facelo xa", afirma Blanco, que non descarta un cambio definitivo do mercadiño a este barrio "se vemos que a Alameda non funciona ben".

Iso si, o informe da Policía Local apunta que o traslado da feira debe ir acompañado da modificación da actual ordenanza que regula esta actividade, xa que esta establece no seu artigo 5 que o mercadiño só se pode celebrar na rúa Rafael Areses.

A responsable de Promoción Económica, con competencia sobre os mercados, aclara con todo que xa se está tramitando a nova normativa sobre venda ambulante. Irá ao pleno deste mes de febreiro para a súa aprobación inicial.

A pesar de estar en pleno proceso administrativo, a concelleira entende que non impide o traslado da feira, xa que o seu articulado prevé a posibilidade de que "se abran novos mercados", unha opción que se incluíu por se, nalgún momento, se quere regular o mercado de antigüidades da rúa Serra.