Acondicionan o pavimento da Alameda para poder acoller a feira ambulante

Pontevedra
07 de febreiro 2023

Para que a Alameda poida acoller a feira ambulante dos sábados antes será necesario realizar unha serie de traballos de acondicionamento, centrados especialmente no seu pavimento. Estes labores comezaron pola zona de acceso próxima a El Cafetín e o ambulatorio

Yoya Blanco e Iván Puentes, na Alameda
Yoya Blanco e Iván Puentes, na Alameda / Concello de Pontevedra

Para que a Alameda poida acoller a feira ambulante dos sábados antes será necesario realizar unha serie de traballos de acondicionamento, centrados especialmente no seu pavimento. Estes labores comezaron pola zona de acceso próxima a El Cafetín e o ambulatorio.

Alí, o esforzo dos operarios do servizo municipal de Parques e Xardíns estanse a centrar no arranxo e o recheo do chan desta entrada a nivel existente desde a rúa Alameda e empregada para o acceso de vehículos durante a celebración das festas.

Trátase dun espazo, segundo explica o edil Ivan Puentes, no que se producen lameiros e empozamentos de auga durante os días de choiva, o que dificulta a súa utilización,

Ademais, tamén se levarán a cabo labores de conservación ordinaria para controlar a aparición de maleza e de herba nas zonas perimetrais e de mantemento xeral das árbores.

Mediante un recheo das fochas a base de xabre e grava, "deixaremos todo impecable para que vendedores e clientes teñan o chan en condicións óptimas", subliñou o responsable municipal de Desenvolvemento Sostible, aproveitando que o chan está seco.

A súa compañeira Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, reiterou que unha vez que o informe da Policía Local "non establece ningún impedimento" para a celebración da feira na Alameda, polo que "a decisión política de trasladar o mercadiño ambulante segue adiante".

"A literatura e as interpretacións deixámosllas aos demais", subliña Blanco, que agarda que tras o Entroido, se poida producir ese traslado definitivo, que entende que será o inicio dunha "boa etapa" para o comercio e a hostalería do centro da cidade.

A edil reitera que a nova ordenanza reguladora de venda ambulante de Pontevedra permitirá a creación de mercados en máis lugares que Rafael Areses e Estribela, pero di que coa norma actual "bastaría cun cambio aprobado pola Xunta de Goberno para que se poida mover".

"A decisión de trasladar a feira é unha decisión política inalterable desta concelleira, estudada desde o inicio do mandato e que cobra máis forza coa posta en marcha das obras en Rafael Areses", sentenciou.