A pontevedresa Sheila Pazos, premio 'Xuventude Crea' na modalidade de moda

Pontevedra
06 de novembro 2014

Este premio, coñecido anteriormente como Tesoira, recoñece o traballo de Sheila Pazos coa súa colección Cu-cú. Presentouno baixo o pseudónimo de Coliflor e nela trataba de trasladar paisaxes montañosos ás súas creacións

Creacións de Sheila Pazos (á esquerda) para o certame Xuventude Crea Xunta de Galicia

Os estudantes da Escola Superior de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) seguen acumulando premios e recoñecementos pola súa creatividade. A última en conseguilo foi a pontevedresa Sheila Pazos, unha moza deseñadora que foi a gañadora da especialidade de moda do certame Xuventude Crea, convocado pola Xunta de Galicia.

Este premio, coñecido anteriormente como Tesoira, recoñece o traballo de Sheila Pazos coa súa colección Cu-cú. Presentouno baixo o pseudónimo de Coliflor e nela trataba de trasladar paisaxes montañosos ás súas creacións.

A deseñadora pontevedresa ten 28 anos e tras cursar a carreira de Belas Artes estuda actualmente na Esdemga.

Como gañadora deste premio, para o que presentou cinco pezas en total, recibirá 3.000 euros.

As súas creacións, do mesmo xeito que a do resto de premiadas, Noelia Taibo de Vedra (A Coruña) coa colección "Inner voice", e Sara Gago López da Coruña coa colección "Dúo", expoñeranse no Corte Inglés de Vigo ata o próximo 15 de novembro.