A Praza de Abastos súmase ás 'vodas de prata' de Zona Monumental e abrirá este venres pola tarde

Pontevedra
12 de xuño 2014

Nestes momentos hai un grupo de 30 usuarios que teñen confirmado a súa apertura, entre eles a totalidade dos que están no primeiro andar, algúns do exterior e tamén varios do andar baixo. A cifra podería incrementarse polas xestións que canalizan algúns dos usuarios. O horario de tarde comezará ás 18.00 horas e prolongarase ata preto das 22.00 horas en función da afluencia de público

Mercado de Abastos de Pontevedra Mónica Patxot

A Praza de Abastos súmase aos actos de celebración do 25 aniversario do movemento asociativo dos comerciantes do Centro Histórico. Con motivo desta efeméride o mercado municipal funcionará este venres a xornada completa. Despois do horario matutino volverá a abrir para sumarse á festa organizada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental.

A apertura é voluntaria para os usuarios da Praza de Abastos. Nestes momentos hai un grupo de 30 que teñen confirmado, entre eles a totalidade dos que están no primeiro andar, algúns do exterior e tamén varios do andar baixo. A cifra podería incrementarse polas xestións que canalizan algúns dos usuarios. O horario de tarde comezará ás 18.00 horas e prolongarase ata preto das 22.00 horas en función da afluencia de público.

O CCUZM instalará un espazo artesanal na rúa Serra na que haberá exhibicións de cestería, cantería, un torneiro, elaboración de traxes tradicionais, coiro, esponxas vexetais, filloas e tamén de instrumentos musicais.

Haberá tamén un espazo para recoller os agasallos correspondentes aos vales entregados polos comercios adheridos á campaña promocional. Finalmente, haberá unha urna para retirar papeletas correspondentes ao sorteo das entradas para o partido da fase de ascenso a Segunda B entre o Pontevedra C.F. e o Puertollano.