A primeira 'Gladiator Kids' de Soutomaior reúne a case un milleiro de persoas

Soutomaior
18 de maio 2024

Case 250 nenos e nenas inscribíronse na proba e, acompañadas dunha persoa adulta, saíron en quendas cada 5 minutos, co obxectivo de percorrer no menor tempo posible o percorrido da carreira de obstáculos. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, subliñou o éxito desta proba

Primeira 'Gladiator Kids' de Soutomaior Concello de Soutomaior

Case un milleiro de persoas reuníronse este sábado no peirao de Arcade con motivo da primeira edición da ‘Gladiator Kids’ en Soutomaior, que ten como obxectivo fomentar o exercicio físico entre as crianzas con actividades saudables.

Case 250 nenos e nenas inscribíronse na proba e, acompañadas dunha persoa adulta, saíron en quendas cada 5 minutos, co obxectivo de percorrer no menor tempo posible o percorrido da carreira de obstáculos.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, subliñou o éxito desta I Gladiator Kids e sinalou que é un orgullo para Soutomaior que "un evento tan importante como a ‘Gladiator Kids’ teña lugar aquí no noso concello".

Lourenzo destacou que os pequenos e as pequenas participantes "pasárono xenial e desfrutaron dunha tarde incrible" e subliñou que Soutomaior se converte "cada vez máis" nunha referencia social, cultural e deportiva entre os concellos do resto da comarca.

"Somos un polo de atracción para a poboación doutros concellos, grazas á nosa completa axenda cultural, deportiva e social. Calquera persoa da comarca consulta a axenda de Soutomaior á hora de organizar os seus plans", sinalou Lourenzo, ao tempo que engadiu que isto pódese corroborar con datos e vese reflectido na economía local de Soutomaior, de maneira que "permite ao Concello contar con máis recursos para mellorar a vida da nosa veciñanza".