A provincia de Pontevedra pecha o nefasto 2020 con 73.130 persoas desempregadas

Pontevedra
05 de xaneiro 2021

Segundo os datos ofrecidos este martes polo Ministerio de Traballo, o número de parados en Galicia durante 2020 aumentou un 14,69%, incrementándose ata 189.587 persoas sen emprego. A diferencia respecto a 2019 é de 24.279 traballadores máis nas listas do SEPE. O municipio de Pontevedra sitúase en 6.220 persoas no paro

Oficina de Emprego da Xunta de Galicia Mónica Patxot

O paro na provincia de Pontevedra incrementouse no mes de decembro en 1.571 persoas respecto a novembro, segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Traballo este martes 5 de xaneiro de 2021.

A cifra de persoas desempregadas ascende a 73.130 na provincia pontevedresa, a segunda con maior número de paro en Galicia tras A Coruña, que presenta un total de 76.311. Ambas son seguidas a notable distancia por Ourense con 21.218 e por Lugo con 18.928 persoas sen emprego.

En todo caso, en canto a incremento relativo en 2020, a provincia de Pontevedra é a que menor crecemento contempla entre as catro provincias galegas ao situarse en +12,5%, con 8.126 desempregados máis que ao peche de 2019. A maior subida  relativa corresponde a Lugo (+16,85%), seguida pola Coruña (+16,07%) e Ourense (+15,57%).

O número de parados en Galicia durante 2020 aumentou un 14,69%, incrementándose ata 189.587 persoas sen emprego. A diferenza respecto a 2019 é de 24.279 traballadores máis nas listas do SEPE. O ano finalizou con 82.349 homes sen emprego e 107.238 mulleres nas listas. 

Por sectores, como era de esperar, o de servizos viuse máis afectado na comunidade. Rexistra 18.302 desempregos máis que o ano anterior alcanzando a cifra de 131.281 persoas.

Tamén a demanda de emprego entre non ocupados elevouse nunha porcentaxe de 16,78%, ao redor de 30.000 persoas máis que en 2019, situándose en 206.000. 

Ademais, destaca a baixada na contratación con 31% menos que en 2019. Durante o pasado 2020 só asináronse 749.217 contratos fronte aos 1.086.232 do ano anterior. O 91% dos contratos durante o último ano foron temporais con tan só 68.804 indefinidos na comunidade autónoma.

CONCELLOS

A comarca de Pontevedra rexistra 9.202 desempregados con incremento notable no municipio de Pontevedra, que se sitúa en 6.220 persoas. En Poio, a cifra de poboación sen traballo establécese en 1.207.

Marín contempla 1.854 parados e Bueu, 901. Na comarca do Salnés, a cifra ascende a 9.350 persoas sen emprego, con 3.673 traballadores no paro en Vilagarcía de Arousa e 1.307 persoas paradas en Sanxenxo.