A reciclaxe de envases e vidro aumentou en Poio o pasado ano

Poio
20 de marzo 2022

A media de restos reciclados por habitante en ambos apartados sitúase por riba da media de Galicia. A través do servizo de recollida de voluminosos retiráronse un total de 195.420 quilogramos deste tipo de residuos

Contedor de vidro (arquivo) Mónica Patxot

Un informe elaborado pola empresa Valoriza, concesionaria do tratamento do lixo no municipio de Poio, Valoriza, destaca a tendencia especialmente positiva na reciclaxe do vidro, onde se pasaron dos menos de 470.000 quilogramos retirados en 2020 aos 538.330 de 2021. 

Isto tradúcese nunha media que ascende a 31,2 quilogramos reciclados por habitante no municipio, un índice que se sitúa moi por riba da media de Galicia, fixada en 18,8. O incremento no número de toneladas supera o 30%.

Polo que respecta ao tratamento de envases lixeiros (entre os que se inclúen ‘bricks’, plástico ou restos de pequenos metais), os quilos retirados foron un total de 283.420, unha cantidade superior á de 2020, cando se enviaron algo menos de 270.000. Se ben neste apartado a suba non é tan marcada, a media de quilos reciclados fica por riba dos 16 por habitante, mellorando a do exercicio anterior (15,7) superando, ao igual que sucede co vidro, a media autonómica.

Onde se percibiu un lixeiro descenso foi no tratamento de cartón e papel, pasando das máis de 190 toneladas de 2020 ás 170,5 do último exercicio completo.

En total, a empresa responsable da recollida de residuos retirou 8.315.776 quilogramos de restos. Como xa é tónica habitual, a maior cantidade de restos retirados en practicamente todas as categorías, a excepción do papel e cartón, rexistráronse no mes de agosto, froito do incremento da actividade hostaleira e do aumento de poboación que experimenta Poio nesas datas, ao ser un destino turístico de referencia. Este aumento resulta especialmente importante no apartado do vidro, con preto de 93 toneladas retiradas entre o 1 e o 31 de agosto.

O Concello de Poio tamén amosa a súa satisfacción pola gran demanda que está a ter o servizo de recollida a domicilio de voluminosos. Ao longo de 2021 recolléronse un total de 195.420 quilogramos deste tipo de residuos, aos que tamén hai que engadir 46.240 correspondentes da limpeza viaria. O Goberno local fai fincapé na necesidade de que se siga facendo uso deste servizo gratuíto, a fin de acabar cos vertidos incontrolados.

Lémbrase que está a disposición da veciñanza de luns a venres, en horario de 9.00 a 13.00 horas. Para solicitalo basta con chamar ao 986771185.

Ademais, o Concello tamén agradece á veciñanza a súa concienciación á hora de apostar polas ferramentas e metodoloxías que garanten un correcto tratamento do lixo, ás que tamén hai que sumar o Punto Limpo Móbil, plenamente consolidado no municipio pouco máis de dous anos despois da súa estrea, ou a utilización dos composteiros comunitarios de San Salvador, cuxo bo funcionamento facilitou unha redución do 10%. no recibo do tratamento de restos por parte de Sogama.