A historia de Rulo é a dun sobrevivente. Na actualidade recupérase favorablemente no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación, pero ata aquí pasou por moitas vicisitudes, a última, unha intervención cirúrxica por una hernia discal.
Rulo é un bulldog francés e chegou ao CAAN, centro dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, en outubro de 2019 despois de ser rescatado en Redondela xunto a unha cadela de boxer, Rula. Ambos animais estaban en lamentables condicións e con risco de perder a vida por unha situación de maltrato pola que os seus donos foron denunciados e están pendentes de resolución xudicial.
Aínda que ambos animais estaban ben, a Rulo detectáronlle nos últimos meses unha hernia, doenza habitualmente asociada á súa raza, que ameazaba con deixarlle severos problemas de mobilidade, polo que o persoal do CAAN decidiu abordar unha intervención cirúrxica.
Esta operación a levaron a cabo hai uns días e resultou satisfactoria, segundo indican dende o Centro de Acollida. Rulo xa comezou cos exercicios de fisioterapia e evoluciona favorablemente aínda que é pronto para saber se o grao de recuperación será do cen por cen.
Rulo agarda agora unha nova familia que lle dea unha nova oportunidade, aínda que a súa adopción depende da decisión xudicial e do proceso que se abrirá contra o seu dono. Ata o momento, o animal está en réxime de custodia polo centro da Deputación e é necesario que a sentenza declare o seu estado de abandono como trámite previo para poder buscar un novo fogar. Ata entón, recibe os mellores coidados por parte do persoal das instalacións da Armenteira.