A reforma da estrada de Campelo habilitará unha gran praza na zona de A Granxa

Poio
19 de xullo 2018

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou a xornada deste xoves como "día histórico para Poio ao darlle resposta a unha demanda histórica e xusta que tanto o concello como a veciñanza viñan reclamando dende 1995"

Sinatura dos convenios das estradas de Campelo PontevedraViva

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou a xornada deste xoves como "día histórico para Poio ao darlle resposta a unha demanda histórica e xusta que tanto o concello como a veciñanza viñan reclamando dende 1995".

Segundo o anunciado, Campelo gozará en 2019 dun cambio total de imaxe grazas aos dous novos proxectos que a Deputación finalizará no próximo ano. A presidenta provincial e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez asinaron co alcalde de Poio os convenios da estrada provincial de Campelo (EP-0602) e da vía de baixada á lonxa dende a praza de A Granxa (EP-0601) que teñen un orzamento de 1.907.235,71 e 502.388,93 euros respectivamente.

Benítez subliñou que a nova actuación é posible grazas ás cesións conseguidas polo Concello e destacou que darase un grande servizo de acceso o colexio de Lourido, o centro deportivo e o centro de saúde de Anafáns.

O proxecto abarcará 1.800 metros de lonxitude nos que se crearán unha nova senda peonil de 2,5 metros de largo e dúas plataformas de convivencia con preferencia peonil nos puntos nos que non hai sección suficiente para permitir un paso segregado. "O que faremos neses espazos será calmar o tráfico para que exista unha convivencia segura. Non se permitirán velocidades de máis de 20 ou 30 quilómetros hora e para iso haberá os necesarios redutores de velocidade", dixo o deputado.

Como novidade, Benítez sinalou que un dos puntos máis destacados da actuación será a confluencia entre a EP-0602 e a EP-0601, na zona da Granxa, onde o actual espazo seccionado polas estradas pasará a ser unha gran praza continua duns 1.000 metros cadrados recuperada para as persoas.

Tamén haberá renovación de servizos urbanos (abastecemento, pluviais, fecais, soterramento de liñas eléctricas e de telecomunicacións), así como instalación de novo mobiliario e iluminación.

Por outra parte, Benítez indicou que na estrada de baixada á lonxa, de 420 metros de lonxitude, construirase unha senda na parte máis cercana ao mar, para despois continuar cunha plataforma de convivencia de preferencia peonil e tráfico calmado, na que tamén se renovarán os servizos. Habilitaranse tamén alcorques con árbores e unha pequena zona verde.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral manifestou que as dúas actuacións supoñen "a primeira obra singular que se vai acometer no concello" e lembrou que "este goberno BNG-PSOE aspira dende hai moitos anos a conectar pola costa a zona de A Barca con Combarro e non desistimos dela". 

O PP espera "que as beirarrúas de Campelo sexan realidade o antes posible" e pide a Concello e Deputación "menos anuncios e máis traballo".