Técnicos da Xunta de Galicia están a ultimar os detalles do proxecto de rehabilitación da PO-546, coñecida como estrada vella de Marín, ao seu paso por Estribela. A administración autonómica estima que a súa reforma custará preto de 900.000 euros.
Tras iniciarse a súa redacción a finais de 2020 e unha vez supervisado pola Axencia Galega de Infraestruturas, o proxecto someterase a información pública despois do verán para, a continuación, poder licitar e executar as obras.
Os traballos teñen como finalidade mellorar a seguridade viaria da PO-546, no tramo comprendido entre a rotonda dos Praceres e o límite con Marín. Para iso, explican desde a Xunta, modificarase a sección transversal da estrada.
Así, ampliarase o ancho das beirarrúas ata lograr un mínimo de dous metros, ampliarase a calzada en varios puntos e repoñerase todo o firme.
Ademas, mellorarase a iluminación, instalaranse pasos de peóns sobreelevados, substituiranse as marquesiñas nas paradas de autobuses, repoñerase toda a sinalización e renovaranse os elementos de drenaxe e os servizos afectados.
A ampliación da plataforma en diferentes puntos obrigará a executar actuacións "moi complexas", segundo a Xunta, ao existir grandes desniveis. Haberá que construír unha estrutura en voladizo, un muro de contención, demoler varias edificacións en ruínas e facer recheos de terra.