A reforma da PO-546, entre Mollavao e Os Praceres, licitarase antes de finais de ano

Pontevedra
18 de outubro 2023

Antes de finais de ano. É a data na que a Xunta de Galicia prevé licitar as obras de reforma da PO-546, a estrada vella a Marín, entre Mollavao e Os Praceres. O goberno galego estima que será necesario un investimento de máis de 6,8 millóns de euros

Recreación da reforma da PO-546
Recreación da reforma da PO-546

Antes de finais de ano. É a data na que a Xunta de Galicia prevé licitar as obras de reforma da PO-546, a estrada vella a Marín, entre Mollavao e Os Praceres. O goberno galego estima que será necesario un investimento de máis de 6,8 millóns de euros.

O obxectivo desta actuación é transformar a estrada e mellorar a súa funcionalidade, orientándoa ao tránsito de peóns, de ciclistas e do transporte público.

O principal cambio en todo este ámbito será a execución dunha senda pola marxe dereita da PO-546, de 3,5 quilómetros de lonxitude e cun ancho que oscilará entre os 2,9 e os 4 metros, entre os puntos quilométricos 0+590 e 4+090.

Irá en paralelo á estrada salvo na travesía da Gandarela, onde deberá ir separada do vial debido á falla de espazo entre as construcións existentes.

Haberá unha nova glorieta na intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán coa PO-546, coa finalidade de reducir a velocidade dos vehículos que acceden á travesía da Gandarela procedentes de Marín e mellorar a seguridade no acceso a este centro.

Esta glorieta tamén facilitará o cambio de sentido dos vehículos procedentes de Marín que queiran acceder ao futuro aparcadoiro disuasorio que a Xunta ten previsto executar na contorna do punto quilométrico 2+800 desta estrada, cun investimento de 500.000 euros.

Ademais, melloraranse as paradas de transporte público, favorecendo a mobilidade en autobús entre Marín e Pontevedra, e renovarase a iluminación no treito de actuación.

No proxecto aprobado recóllense tamén distintas estruturas que redundan na mobilidade sostible, como a execución de dúas pasarelas a distinto nivel da senda peonil, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas, e a outra de 45 metros sobre O Sartán. 

Tamén se executarán muros de sostemento, necesarios pola proximidade da vía do ferrocarril nalgunhas zonas, prolongando os xa existentes para poder lograr un ancho de senda adecuado e obter zonas amplas nas que se prevé a instalación dun parque infantil.

A intervención complétase coa dotación de zonas de esparexemento, destacando a habilitación dun miradoiro, no punto 1+050, aproveitando o espazo inutilizable na marxe dereita da calzada, cun pequeno parque infantil e zona verde que permita gozar das vistas da ría de Pontevedra.

Mellorarase, tamén, a parada de autobús situada no punto quilométrico 1+460, na marxe dereita da estrada, cunha zona de estacionamento para o autobús e un novo refuxio e, a petición dos veciños do Sartán, haberá unha nova zona de aparcadoiro en liña.

No proxecto inclúese tamén a renovación da rede de augas fecais entre os puntos quilométricos 3+800 e 4, mellorando deste xeito a drenaxe das augas pluviais.

Para executar este proxecto, a Xunta terá que expropiar 39 parcelas. O proceso xa está en marcha e se convocou, en novembro e decembro, aos titulares dos terreos necesarios para executar a senda entre Mollavao e Os Praceres.

O levantamento das actas previas á ocupación terá lugar o 21 e o 22 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra; e a súa formalización, o 20 de decembro, no mesmo lugar.