A reforma do barrio de San Antoniño estenderase en 2015 ata a rúa Lepanto

Pontevedra
20 de novembro 2014

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, avanza que estender a actuación actual na zona é a prioridade en materia de reforma urbana para a próxima anualidade. Afectaría ás rúas José Millán, Javier Puig e Lepanto

Antón Louro visita as obras de reforma no barrio de San Antoniño PontevedraViva

As obras de reforma urbana que se están a levar a cabo nas rúas Gonzalo Gallas, Álvarez Limeses e Cervera Mercadillo terán continuación no ano 2015.

Así o anunciou este xoves o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, nunha visita aos traballos, que se espera estean concluídos "a mediados de decembro".

A intención do Concello pasa, segundo Louro, por "avanzar na remodelación integral das outras rúas do barrio de San Antoniño".

Estas actuacións estenderíanse "ata a rúa Lepanto", afectando tamén ás rúas José Millán e Javier Puig: "esa é a idea e espero que poidamos ir concretando ao longo do ano que vén", declarou o concelleiro.

As obras que se están a realizar neste momento contan cun presuposto próximo aos 413.000 euros, destinados a mellorar unha zona "que tiña un certo deterioro", sentenciou Antón Louro.