A reforma do viario interno da Chamadoira permitirá a circulación de vehículos

Cerdedo Cotobade
21 de marzo 2019

A reforma integral da aldea de Cerdedo-Cotobade mellora as conexións existentes e evita as escorrentías, producidas polas fortes pendentes, con canalizacións

Obras en Chamadoira, Cerdedo-Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade

A ampliación da plataforma da última pista do viario da aldea cerdedense da Chamadoira permite alargar o viario interno e mellorar as conexións deste punto de Cerdedo-Cotobade. Desta forma, os vehículos en xeral e sobre todo os de gran tamaño como os de emerxencias e sanitarios poderán transitar polo interior deste núcleo de poboación.

Ademais, as obras permitiron corrixir as importantes escorrentías de augas pluviais derivadas da forte pendente da aldea. Creáronse canalizacións e  entubados, ademais de reixas que  favorencen a limpeza.

Os traballos de ampliación da pista consistiron na derriba e reconstrución dos muros de pedra laterais e a dotación dun novo firme. Esta actuación xa se abordou durante a execución dun proxecto previo que levou a cabo no inverno. A complexidade técnica derivada da estreiteza da pista provocou que a obra se alongase no tempo.