A repartición de correos urxentes de Pontevedra, a mellor de España en 2013

Pontevedra
08 de marzo 2014

Despois de dous anos quedando finalista, a Unidade de Servizos Especiais (USE) de Correos en Pontevedra levouse o Premio á Excelencia 2013 na súa categoría. Dende a avenida de Lugo nesta unidade traballan 12 persoas en quenda de mañá e de tarde, que se encargan de facer as entregas e recollidas de paquetería na cidade dende as 7.30 horas da mañá ata as 21.30 horas da noite

Persoal da unidade de repartición urxente de Correos en Pontevedra Correos Galicia

Despois de dous anos quedando finalista, a Unidade de Servizos Especiais (USE) de Correos en Pontevedra foi recoñecida este 2013 como a mellor unidade de España dentro da súa categoría e como un dos mellores centros da empresa postal.

A unidade levouse o Premio á Excelencia 2013 na categoría de unidades de servizos especiais con menor densidade de poboación polo traballo que desempeñan o seu equipo dende a súa base de traballo no pavillón de Correos na avenida de Lugo, segundo informou a empresa postal nun comunicado.

Nesta unidade traballan 12 persoas en quenda de mañá e de tarde, que se encargan de facer as entregas e recollidas de paquetería na cidade dende as 7.30 horas da mañá ata as 21.30 horas da noite. Están especializados na repartición de paquetería e de servizos postais urxentes como burofaxes ou certificados.

Os Premios á Excelencia son un recoñecemento anual que realiza Correos para destacar o traballo realizado nas unidades que mellores resultados de calidade obtiveron ao longo do ano. O premio nace coa filosofía de reforzar a excelencia entre as unidades recoñecendo o traballo do seu persoal.

En concreto, prémiase a dez unidades de toda España en distintas categorías, entre as que este ano hai unidades de Madrid, Vitigudino, Cantalejo, Albacete, Aldeanueva del Camino (Cáceres), Sevilla, Bilbao e Pontevedra.

Segundo informou Correos, o próximo mes de maio realizarase unha Xornada de Recoñecemento en Madrid onde o presidente da empresa, Javier Cuesta, recibirá os premiados para agradecerlles o traballo realizado ao longo do ano e entregarlles un obsequio.