A "resaca emocional" de Carmela Silva polo 8 de marzo: "Nada pode volver a ser igual"

Pontevedra
09 de marzo 2018

Carmela Silva felicitou ás pontevedresas "polo seu poder" e lembrou que "este é un éxito exclusivamente das mulleres" que "marcará un antes e un despois na loita pola igualdade"

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu este venres en rolda de prensa cunha "resaca emocional", segundo ela mesma dixo, logo do vivido coa folga feminista do 8 de marzo, unha data na que "as mulleres demostraron que cando están xuntas non hai quen as pare".

A presidenta provincial asegurou que "hoxe a vida continúa e xa non estamos en folga, pero desde o goberno desta institución seguimos moi activas e activos reclamando a Igualdade".

Carmela Silva felicitou ás pontevedresas "polo seu poder" e lembrou que "este é un éxito exclusivamente das mulleres" que "marcará un antes e un despois na loita pola igualdade".

Silva amosou a súa satisfacción porque "non houbo un só concello na provincia de Pontevedra no que non houbera concentracións de mulleres", e insistiu en que "ningún cargo político, sexa da cor que sexa, debería intentar que ese éxito fora seu, porque non é certo". 

A presidenta da Deputación de Pontevedra valorou especialmente o paro das mulleres xornalistas "porque se fixeron visibles, tiveron unha presenza propia que me provocou unha grande emoción ao velas e por iso lles dou os meus parabéns a todas".

Por estas razóns Carmela Silva cre que "onte comezou algo que vai durar durante moito tempo e que obrigará a que todas as administracións aproben leis que rachen dunha vez por todas coas discriminacións que padecemos as mulleres".