Nadal é sinónimo de bondade e solidariedade, e son moitas as iniciativas promovidas por asociacións para doar alimentos, agasallos, ou recadar diñeiro para diversas causas. Tamén está o facer estas datas máis fáciles a aquelas persoas que senten soas, como son os maiores que viven en residencias e non poden pasar o Nadal acompañados dos seus familiares.
É por iso que desde a residencia de Campolongo decidiron lanzar unha iniciativa do Nadal para que os maiores reciban cartas con felicitacións e mensaxes de agarimo, porque hai algo que lles sobra: a soidade.
A dirección da residencia explicou precisamente a través dunha carta que ese sentimento téñeno a maioría dos que pasan os días alí, porque "nos ignorades coma se fósemos unha realidade indeseada á que basta ignorar para crela falsa, porque desdeñades o noso valor e o noso amor, porque, en fin, deixastes de querernos".
"Pronto será Nadal, o tempo máis triste na nosa casa, porque nos doe todo o que foi, todo o que non é, e todo o que xa non será e, ademais, vivímolo a soas, porque non son moitos os que teñen unha familia á que regresar e quero, necesito!, facerlles sentir que seguen vivos. Vivos!", reclamou o director do centro, Juan José López Pena.
Quere unha choiva de agarimo en forma de cartas, mensaxes, felicitacións e fotos coas que reciban agarimo e se demostre que non son persoas esquecidas e que "comprendan que a súa vida segue tendo sentido", polo que pide que este Nadal "chéguennos mil cartas dirixidas aos residentes da Residencia de Maiores de Campolongo. Con mil, bástame".
Todo o que queira participar nesta iniciativa pode enviar a súa carta a Residentes da Residencia de Maiores de Campolongo, Avda. María Vitoria Moreno, número 26. CP 36003, Pontevedra.