As persoas maiores usuarias da residencia de Campolongo queren darlle as grazas ás miles de persoas que durante o pasado Nadal lles enviaron cartas de felicitación dentro da campaña posta en marcha por este centro para loitar contra a soidade e están a deseñar unha carta colectiva e unha mensaxe pública de agradecemento no exterior do centro.
Este agradecemento enmárcase no obradoiro creativo 'Tok-a-Nós', posto en marcha pola Concellería de Benestar Social do Concello de Pontevedra.
A idea inicial do centro era enviar cartas de resposta a todas as persoas que lles enviaron as felicitacións, pero a avalancha de misivas recibidas imposibilita que poidan facelo. Desta maneira, con este obradoiro creativo e interdisciplinar as persoas residentes poderán enviar un agradecemento colectivo.
Para presentar publicamente o resultado do obradoiro, o vindeiro mércores 5 de abril (Día Internacional da Conciencia) ás 11:00 horas celebrarase un acto no salón de actos da residencia.
No acto estarán presentes e o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey. Este último explica que este obradoiro forma parte do seu "afán de traballar a prol dos dereitos das persoas e da veciñanza" e porque son conscientes da "clara transformación que se produciu na pirámide social e de que a pandemia exacerbou as desigualdades de base existentes e intensificou os impactos socioeconómicos, ambientais e de saúde sobre a vida das/os nosas/os maiores".
Marcos Rey tamén destacou que a resposta da cidadanía a esa especie de chamada de atención ou de auxilio que fixeron os maiores da residencia de Campolongo foi "unha abrumadora ondada de amor, que superou todas expectativas e que chegou ao corazón de todos eles".