A residencia de maiores de Campolongo será obxecto dunha ambiciosa reforma que, en palabras do presidenta da Xunta, Alfonso Rueda, vai conseguir "que siga sendo unha referencia do que teñen que ser este tipo de centros de aquí en adiante".
Despois de trinta anos aberta ao público, esta residencia "necesitaba e merecía un esforzo importante" e vaise traducir nun investimento de catro millóns de euros.
O proxecto presentouse este venres na propia residencia e incluirá a reforma da fachada e a reordenación dos espazos comúns, que se ampliarán e van organizar de tal maneira que a zona de recepción quede máis pegada ao salón de actos "para mellorar a comunicación".
Tamén se recollen melloras de eficiencia enerxética cunha calefacción de biomasa máis ecolóxica, melloras na accesibilidade, así como remodelar a zona de enfermería. O obxectivo final será lograr "mellores condicións para os residentes".
Rueda estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e recoñeceu que ata agora non coñecía por dentro este centro da súa cidade e que merece este esforzo, co que "estamos intentando devolver un pouco do moitísimo que se fai aquí".
As obras comezaron a proxectarse no ano 2019, van ser licitadas en breve e buscan, como sucede con outros proxectos similares no resto de Galicia, que estes centros poidan "adaptarse aos tempos". "Teñen que recoller todas as melloras que durante estes anos foron aparecendo e isto é o que imos intentar facer", sinalou.
Rueda aproveitou esta visita para acompañar os maiores desta residencia na apertura dalgunha das máis de 6.000 cartas que chegaron ao centro en resposta á iniciativa do seu director, Juan José López, para que os residentes recibiran o cariño do exterior nestas datas de Nadal nas que moitos non reciben as visitas das súas familias.
Ao fío desta iniciativa, Rueda lembrou que o Goberno galego dispón de medidas para acompañar os maiores, como a Estratexia galega de soidade non desexada, que se aprobará en breve; o programa Benestar en Balnearios, que permite o autocoidado e impulsa as relacións sociais; ou Xuntos polo Nadal que permite reunir nestas datas en dúas residencias a persoas que viven soas para que pasen as festas con compañía.