A restauración do cruceiro de Mourente estará lista a próxima semana

Pontevedra
23 de outubro 2019

Os veciños solicitaron o traslado do conxunto para facilitar o paso da procesión e os restauradores ultiman a reconstrución da base, limparon a estrutura e tallaron un novo Cristo

Visita do concelleiro Xaquín Moreda ás obras de restauración do cruceiro da igrexa de Mourente Concello de Pontevedra

A restauración e traslado do cruceiro da igrexa de Mourente entra na súa fase final. Os restauradores teñen practicamente rematado o novo alicerce e a cruz, mentres que a base atópase xa no seu novo emprazamento. O obxectivo do goberno local, o concelleiro de Patrimonio Xaquín Moreda visitou este mércores a obra, é completar a restauración a próxima semana para proceder á súa inauguración.

"O cruceiro foi tirado por un coche que non o vira. Había que volver colocalo e os veciños reclamaron movelo uns centímetros porque necesitaban máis espazo para o paso da procesión. Xestionámolo con Patrimonio, autorizouno e tamén levántase uns centímetros porque o primeiro dos escalóns do basamento estaba totalmente tapado polo asfalto", explicou Moreda.

Ademais da restauración, o cruceiro contará cun novo Cristo. "O Cristo que tiña era de cemento e estaba moi mal feito, falámolo con Patrimonio e fixemos un Cristo novo de pedra", engade a restauradora Marta Díaz Fernández, que tamén estivo presente na visita á obra,

Para os veciños, a restauración e traslado deste emblemático conxunto é un soño cumprido. "Levamos esperando máis dun ano por isto e sería unha satisfacción para toda a parroquia ter ou cruceiro preparado", recoñece o presidente da Asociación de Veciños, Genaro Santomé.