A rúa Rouco, en obras

Pontevedra
15 de xullo 2019

Desde este luns sumouse a outras catro zonas da cidade na que se están a acometer reformas urbanas: Gorgullón, Echegaray, Lepanto e a ponte do Burgo. En concreto, a empresa puxo en marcha o traslado de material necesario para o inicio dos traballos. Non supuxo ningunha afección ao tráfico rodado 

Inicio dos traballos para a reforma da rúa Rouco
Inicio dos traballos para a reforma da rúa Rouco / Cristina Saiz

A rúa Rouco xa está en obras. Desde este luns sumouse a outras catro zonas da cidade na que se están a acometer reformas urbanas: Gorgullón, Echegaray, Lepanto e a ponte do Burgo. 

En concreto, a empresa adxudicataria da obra, E.C.Casas, puxo en marcha na mañá deste luns o traslado de material necesario para o inicio dos traballos. O seguinte paso será a demolición de beirarrúas.

O inicio das obras non supuxo ningunha afección ao tráfico rodado por esta rúa moi utilizada para saír da cidade desde a praza de Barcelos. En principio, non está previsto realizar cortes de circulación durante esta reforma.

A reforma foi adxudicada por 167.593,16 euros e ten un prazo de execución de catro meses, que se podería reducir para tratar de axustarse ao inicio do curso escolar o próximo mes de setembro. Así, a primeira parte da rúa que se reformará será a máis próxima ao colexio de Barcelos.

O proxecto contempla a reordenación da rúa, redistribuíndo os espazos destinados á mobilidade peonil para garantir a seguranza peonil nas entradas e saídas do alumnado ao colexio. Trátase esta dunha petición realizada pola asociación de nais e pais (Anpa) do centro.

Como resultado destes traballos, a beirarrúa actual pasará de tres a cinco metros de ancho, manterase só unha liña de estacionamento e procederase á eliminación das barreiras arquitectónicas.