A senda do Lérez leva a unha nova especie, a Pterula pontevedrensis

Pontevedra
27 de decembro 2014

A Asociación Micolóxica Brincabois de Pontevedra atopou unha nova especie en 2011 na senda do río Lérez, no entorno das instalacións do Casino Mercantil e Industrial. Trátase dun cogomelo de cor alaranxado cunha curiosa forma de espátula que tamén amosa diferencias salientables con respecto ás especies máis próximas a nivel microscópico 

Nova especie localizada na senda do Lérez, Pterula pontevedrensis Blanco-Dios

A senda do Lérez non só permite descubrir espazos únicos augas arriba do río principal de Pontevedra ou aproveitar momentos de esparcemento e lecer. Tamén permitiu atopar unha nova especie de cogomelo, a Pterula pontevedrensis Blanco-Dios.

O presidente da Asociación Micolóxica Brincabois de Pontevedra, Jaime Bernardo Blanco-Dios, explicou que esta especie foi atopada xa dende 2011 na senda do río Lérez, no entorno das instalacións do Casino Mercantil e Industrial.

A nova especie, que será publicada en publicacións científicas nos vindeiros meses, foi bautizada na honra do Concello de Pontevedra ao ser o lugar no que foi localizada por primeira vez, segundo todas as averiguacións científicas realizadas por Brincabois. 

Trátase dun cogomelo de cor alaranxado cunha curiosa forma de espátula que, ademais do aspecto exterior, tamén amosa diferenzas salientables con respecto ás especies máis próximas a nivel microscópico, segundo explica Jaime Blanco.