A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) súmase ás voces contrarias á construción da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida, en Marcón, e remitiu un escrito á Dirección General de Carreteras do Ministerio de Fomento solicitando "que se desbote o proxecto" da mal chamada circunvalación de Pontevedra.
Entre outras cuestións, a SGHN critica que na provincia de Pontevedra se están a xerar tres novas autovías que convivirán todas paralelas á estrada nacional N-550 e a autoestrada AP-9. Cita a autovía A-59 (Vilaboa-Peinador), A-57 e a reforma da A-55 no tramo Vigo-Porriño.
Ante esta sitación, comparte as teses que esgrime a plataforma veciñal Salvemos a Fracha recén constituída co obxectivo de frear o proxecto de A-57 e denuncia a "sinrazón" de executar un proxecto con "custo inmenso" tanto ambiental coma social. Ao respecto, o delegado en Pontevedra da sociedade, Xosé Lois Rey, valora que "con moito menos diñeiro se pode conseguir algo mellor para a cidadanía e o medio".
A Sociedade solicita, ademais, que se proceda ao estudo da reversión da AP-9 á rede de estradas de titularidade pública, de tal maneira que sería "innecesaria a construción da autovía proxectada". No caso de proseguir co proxecto, reclama que se potencien os viadutos e túneles para reducir o impacto paisaxístico e as barreiras para a fauna. Ao respecto, indica que aínda que visualmente póidase considerar alto o impacto dos viadutos, o impacto visual dos cortes nas abas é superior e o seu mantemento increméntase a longo prazo.
Denuncia a "sinrazón" de executar un proxecto con "custo inmenso" tanto ambiental coma social
O documento incide en que "non se entende" o gasto nun proxecto "irreflexivo" cando se están a deixar de investir en investigación, sanidade e educación, tres piares que ven imprescindibles para a sociedade e o futuro e prioritarios sobre a construción de novas vías de comunicación, máxime cando existen servizos de comunicación en funcionamento.
En materia ambiental cuestionan que a construción desta autovía supoñerá a afección directa de polo menos tres ríos de volume considerable (Ponte Nova, Oitavén e Alvedosa), e numerosos ríos de menor canle, afectando a numerosas poboacións de anfibios, como é o caso da Chioglossa lusitanica (Salmandridae, Amphibia) especie recollida no Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de España e clasificada como vulnerable.
Ademais, critica que paisaxísticamente a zona, debido á desorde urbanística permitida pola Administración, con multiples estradas (AP-9, N-550) e viais e dúas liñas de ferrocarril "está completamente saturada" e que o tramo afectado presenta unha elevada poboación de xabaril e se detectan nel mamíferos silvestres de gran tamaño como o lobo e o ponei galego, que contribúen a incrementar os riscos da circulación se non existen os suficientes e axeitados pasos para a fauna.
O escrito presentado pola SGHN ante Carreteras é xa o terceiro que entrega sobre algún tramo desta autovía dende o ano 2004. Ademais, presentou xa máis peticións á Deputación Provincial dePontevedra, o Ministerio de Fomento, o presidente da Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados e a Xunta de Galicia.