A un paso de demolerse un tramo das Galerías Oliva

Pontevedra
14 de outubro 2022

Un cartel exposto no escaparate do local que ata hai un tempo ocupou a frutería "Alimentación Isabel" anuncia a obra de demolición do edificio número 3 da rúa Gutiérrez Mellado levando consigo unha parte das Galerías Oliva

Anuncio da demolición dun tramo das Galerías La Oliva Mónica Patxot

Un cartel exposto no escaparate do local que ata hai un tempo ocupou a frutería "Alimentación Isabel" anuncia a obra de demolición do edificio número 3 da rúa Gutiérrez Mellado levando consigo unha parte das Galerías Oliva.

O cartel do Concello de Pontevedra indica que o promotor da obra Hercor Inversiones S. L., contratou como arquitectos directores da demolición a Rogelio Pérez Conde e Antonio Ameijeiras Sánchez, do estudo vigués Espacio B12 Arquitectos. Tamén informa que Cíes Atlántico SLU encargarase de coordinar a seguridade destes traballos que executará Obras e Construcións Preda SL.

Este pasado luns 11 de outubro a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra concedeu a licenza de demolición para o inmoble que inclúe o acceso desde este vial ás Galerías da Oliva.

Segundo informaba en rolda de prensa a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, a concesión desta licenza municipal é un proceso regrado "e pouco, lamentablemente, pode facer o Concello para evitar esta obra" ​comentou a concelleira. "Estes procesos teñen moitísimo de técnico e moi pouco de discrecional", engadía. A licenza pasou todos os trámites preceptivos e conta cos informes sectoriais necesarios.

Unha vez que se tomou este acordo por parte do Concello agora, segundo a normativa, este proceso tería unha duración máxima de 12 meses desde a notificación.

Anabel Gulías asegurou que "o Concello non ten ningún coñecemento da obra posterior, da intencionalidade nin demais".

Neste caso a licenza afecta a un edificio, pero esta promotora solicitou un permiso similar para un inmoble lindeiro, o situado no número 11 da rúa Michelena que está pendente do pronunciamento de Patrimonio da Consellería de Cultura xa que a fachada cara a esa rúa está afectada polo ámbito protexido pola declaración do santuario da Peregrina como Ben de interese Cultural (BIC).