Novas titulacións chegarán a medio prazo ao campus de Pontevedra. Así o garantiu o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Cales? "Prefiro non dicilo aínda", explicou este mércores en Pontevedra. Polo menos, ata que se abran oficialmente as negociacións entre as tres universidades galegas e a Xunta de Galicia.
O actual mapa de titulacións está vixente ata 2021 e espérase que, antes desa data, as universidades soliciten a incorporación de novos títulos. Para os graos ou másteres que poidan fortalecer o campus de Pontevedra, a universidade xa ten pensado un espazo.
Tras anos 'no limbo', o reitor confirmou a preguntas de PontevedraViva que entre os plans do equipo reitoral está construír un novo edificio na parcela que o Concello cedeu á universidade nos antigos terreos de Tafisa. Alí íase a construír no seu día o frustrado Edificio das Artes, un proxecto do que tan só se retomará a súa filosofía.
Este novo inmoble estará pensado para que a titulación de Belas Artes e o futuro grao de Deseño e Creación conten cun edificio máis adecuado para acoller "ese tipo de actividades", detallou Reigosa. Ademais, sería a priori o destino para os novos estudos que solicitará a Universidade de Vigo para o campus de Pontevedra.
Serán, en todo caso, titulacións pensadas para "fortalecer" o Campus Crea e que encaixarán "perfectamente" con esta especialización que "conecta tan ben" coa cidade, engadiu o reitor.
Pero antes de que este novo edificio sexa unha realidade, a institución académica ten outros plans máis inmediatos para o campus pontevedrés. O reitor confirmou este mércores que a universidade traballa no proxecto para pechar ao tráfico a zona central da Xunqueira.
Esta actuación, desexada desde hai tempo polos sucesivos reitores, prevé peonalizar todo o espazo existente entre as catro facultades actuais. O obxectivo, segundo Manuel Reigosa, é avanzar cara un campus "máis integrado e vivible", reforzando o seu compromiso ambiental e o seu carácter urbano e "aberto" a toda a cidadanía.
O reitor explicou que a universidade está actualmente "analizando todas as posibilidades" para acometer esta humanización, pero garantiu que o proxecto está "encamiñado" e encaixará "perfectamente" co espírito do modelo urbano pontevedrés.
Ademais, a Universidade de Vigo comprometeuse a axilizar os trámites para a cesión ao Concello da parcela que ocupará o futuro skatepark, un equipamento que segundo Fernández Lores daralle "ambientillo e modernidade" ao campus pontevedrés e ao que ao goberno municipal "nos urxe" executalo canto antes.
Reigosa avanzou que tamén se estuda habilitar un pantalán para deportes náuticos nunha das canles interiores da Illa das Esculturas, unha actuación "pequena" que permitiría que os alumnos do campus non teñan que cruzar alén do Lérez coas súas embarcacións, un itinerario que "ten certo perigo" para eles.