A xerencia da área sanitaria comunica a Prosagal que reabrirá as camas hospitalarias pechadas no verán

Pontevedra
11 de outubro 2017

Unha vez recibida esta comunicación, desde Prosagal indican que, se se cumpre, daría por concluídas as súas reivindicacións de reapertura de camas e poñería fin a futuras mobilizacións e medidas que tiñan xa debatidas os integrantes da xunta directiva para aplicar a longo prazo  

Concentración de Prosagal ante o peche de camas
Concentración de Prosagal ante o peche de camas / PontevedraViva

A Agrupación Sindical de Profesionais da Saúde de Galicia (Prosagal) deu a coñecer que na mañá deste mércores a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés comunicoulles que poñerán fin á situación de peche de camas hospitalarias que se mantén desde o pasado verán e que este colectivo sanitario leva denunciando semanas

Unha vez recibida esta comunicación, desde Prosagal indican que, se se cumpre, daría por concluídas as súas reivindicacións de reapertura de camas e poñería fin a futuras mobilizacións e medidas que tiñan xa debatidas os integrantes da xunta directiva para aplicar a longo prazo. 

"Velaremos, deste xeito, que as palabras e promesas da xerencia se apliquen e non queden en saco roto novamente", indica a agrupación sanitaria, que centrou as súas reivindicacións en que se reabran as unidades pechadas de Medicina Interna III.

Por outra banda, o colectivo recibiu este mércores o apoio da concelleira de Cidadáns en Pontevedra, María Rey, que presentou en comisión unha moción para o seu debate no próximo pleno da corporación esixindo a reapertura das camas e unidades pechadas. 

Prosagal solicitou a todos os grupos políticos que se implicasen na reapertura de unidades que a xerencia se compremetera a abrir o 1 de outubro e mantiña pechadas. María Rey deullo de forma explícita e o concelleiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, comunicoulles que apoiaba esa moción de María Rey e outra a presentar noutra institución, o Parlamento de Galicia. Ademais, nos últimos días sumaron o apoio do grupo municipal socialista

FOLGA NO SERGAS

As organizacións sindicais CIG-Saúde, UXT, CCOO, CSIF, SAE e SATSE anunciaron este mércores unha convocatoria de folga no Servizo Galego de Saúde para os días 2 e 3 de novembro e concentracións previas os días 19 e 25 de outubro

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicou que a convocatoria responde á negativa da consellería de Sanidade a sentar a negociar un calendario para recuperar os acordos retributivos e a carreira profesional.