Nace Prosagap, a unión sindical de Prosagal e Sagap, coa intención de loitar polo persoal sanitario

Pontevedra
20 de decembro 2017

Este sindicato nace para evitar a precarización e a perda de dereitos aos que se encontra sometido o persoal do Sergas. A presidenta no período inicial será Marisa Velicia e a vicepresidenta, Carolina Iñárrea

Presentación de Prosagap
Presentación de Prosagap / Mónica Patxot

As asembleas de afiliadas aos sindicatos Sagap e Prosagal decidían o 13 deste mes que ambas as centrais se unificaran para converterse en Prosagap, o sindicato dos Profesionais da Sanidade Pública Galega. 

Este mércores 20 presentábanse en Pontevedra coa presidenta inicial, Marisa Velicia (presidenta de Sagap) e a vicepresidenta, Carolina Iñárrea (presidenta de Prosagal). O obxectivo deste sindicato é defender os dereitos do persoal sanitario que, segundo denuncian, atópase moi afectado pola política de "acoso e derriba" por parte dos gobernos central e da Xunta de Galicia.

Tamén queren ser unha alternativa aos sindicatos tradicionais aos que acusan de burocratizarse e a nova formación pretende exercer un sindicalismo eficaz, participativo, unitario e democrático.

Marisa Velicia afirma que actualmente en Galicia suman máis de mil afiliados e o obxectivo que se expoñen é obter representación na mesa sectorial a partir das novas eleccións de representantes sindicais nos centros sanitarios públicos previstas para o ano 2019. 

Teñen previsto constituírse legalmente ao longo das vindeiras semanas e percorrer toda a comunidade para presentar o seu proxecto centrado na defensa do sistema público de saúde.

Afirman que manterán un sistema asembleario, tal e como viñan desenvolvendo ata agora nas dúas organizacións e non dubidan en que seguirán acudindo aos tribunais de xustiza presentando demandas contra o Sergas polas irregularidades que, afirman, comete á hora de concesión de días libres e a vulneración de diversos dereitos laborais. Ademais, criticaron a situación "caótica" que se vive en Urxencias de Montecelo.