A Xunta adaptará os horarios dos servizos de autobús entre O Grove e Pontevedra á demanda rexistrada na tempada de verán desde este luns 7 de agosto.
Así se acordou a semana pasada tras a xuntanza celebrada entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e os alcaldes de Sanxenxo e Poio, Telmo Martín e Ángel Moldes, respectivamente, un encontro de traballo no que tamén participou o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
Tras analizar o estado da oferta e a demanda, os novos horarios que se activan desde hoxe adáptanse de mellor xeito á realidade do tráfico propia do mes de agosto e evitarán posibles desaxustes nas horas de chegada aos puntos de paso recollidos na oferta actual.
Os cambios materializaranse nas horas de paso polas respectivas paradas das liñas O Grove estación de autobuses- Pontevedra estación de autobuses; e O Grove estación de autobuses - Portonovo - Pontevedra estación de autobuses, tanto nas expedicións de ida como nas de volta.
Estas modificacións terán como consecuencia un pequeno aumento na duración das viaxes de entre 5 y 13 minutos respectivamente.
Por outra banda, co obxectivo de atender o aumento da demanda da tempada estival entre Pontevedra e Sanxenxo, activaranse vehículos de reforzo adicionais para ambos os dous sentidos, sempre que sexa necesario.
Con esta decisión, a Xunta garante o correcto desenvolvemento dos desprazamentos en períodos de grande afluencia turística, contribuíndo a que os usuarios accedan aos servizos con maior seguridade.
A Xunta tamén ten demandando á concesionaria a disposición de máis e mellor información dos servizos de autobús nas paradas.
A información dos horarios de paso dos servizos actualizada poderá ser consultada na web www.bus.gal.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.