O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, trasladou ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a súa disposición para a firma dun convenio en 2021 para promoción turística no marco da declaración do municipio como Destino de Preferente Actuación Turística.
Durante un encontro celebrado este luns en Pontevedra, ao que tamén asistiu a delegada territorial, Luisa Piñeiro, Martín trasladou a Rueda que o obxectivo é crecer turisticamente en tempada baixa con alternativas e propostas diferentes que atraian a visitantes en meses fóra da tempada estival.
Enmarcado dentro desta estratexia, o vicepresidente autonómico mostrouse disposto a colaborar na posta en marcha do Pazo de Quintáns cuxa primeira fase de rehabilitación xa concluíu. O Concello dispón dun proxecto que vincula o seu futuro desenvolvemento á gastronomía e enoloxía que trasladará ao departamento que dirixe Alfonso Rueda para que poida participar na posta en valor deste emblemático edificio.
O alcalde de Sanxenxo solicitou tamén que, para a próxima feira de Fitur en maio de 2021, así como a eventos, resto de feiras e presentacións, Sanxenxo dispoña dun espazo propio dentro do caseta Turismo de Galicia como recoñecemento ás cifras de pernoitas e de número de prazas de hospedaxe do municipio, así como o peso específico de Sanxenxo como destino dentro de Galicia e o norte peninsular.
Doutra banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrouse disposto a colaborar na adquisición dos novos vehículos híbridos da Policía Local e que supoñerá a renovación do parque móbil deste servizo.