Avanza a recuperación do exterior do Pazo de Quintáns cun investimento por riba dos 600.000 euros

Sanxenxo
04 de abril 2021

O Concello de Sanxenxo dá un paso máis na recuperación de Pazo de Quintáns, declarado Ben de Interese Cultural en 2017, coa contratación dun proxecto integral da contorna da leira que conta cunha superficie de 9.034 metros cadrados e unha parcela anexa que se acondicionará como estacionamento

Estado do xardín do Pazo de Quintáns (Sanxenxo)
Estado do xardín do Pazo de Quintáns (Sanxenxo) / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo dá un paso máis na recuperación de Pazo de Quintáns, declarado Ben de Interese Cultural en 2017, coa contratación dun proxecto integral da contorna da leira que conta cunha superficie de 9.034 metros cadrados e unha parcela anexa que se acondicionará como estacionamento.

Tras unha primeira actuación de rehabilitación do edificio principal e o de servizos, o Concello quere poñer en marcha a segunda fase para lograr a recuperación plena do conxunto que permita acoller o primeiro Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas.

O proxecto de recuperación e posta en valor da contorna do Pazo, que está a elaborar o arquitecto Carlos Berride, ten un custo estimado superior aos 600.000 euros.

Este ambicioso proxecto contempla a creación dun espazo cuberto para eventos no exterior con capacidade para albergar máis de 400 persoas nunha parcela de case 4.000 metros cadrados na que se plantarán diferentes especies.

Ademais, vaise a abordar a mellora do camiño de acceso e dotación dun aparcamento para uns 30 vehículos; a recuperación do xardín botánico coas especies existentes no orixinario; a limpeza de muros e a apertura de ocos para optimizar o tránsito peonil; ou a rehabilitación do hórreo, substituíndo as paredes de ladrillo por táboas de madeira, e ao que se lle dotará de auga e electricidade para convertelo nun almacén versátil.

A posta en valor do "parladoiro" presente no muro inmediato ao xardín botánico, ao que se incorporarán escaleiras e iluminación; e a instalación de sistemas de videovixilancia en todo o conxunto do pazo completan a intervención.