A Xunta compromete que a ampliación do Hospital do Salnés estará rematada a finais de 2016

O Salnés
20 de marzo 2015

Unha vez máis, o goberno galego pon data á finalización das obras de ampliación do Hospital do Salnés. Desta volta foi o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o que reiterou o compromiso do goberno galego para que estes traballos estean totalmente rematados antes de que finalice o ano 2016. Trátase dunha actuación, dixo, que mellorará a atención cirúrxica, poscirúrxica e o servizo de urxencias deste centro hospitalario

Visita de Núñez Feijóo ás obras de ampliación do Hospital do Salnés (arquivo)

Unha vez máis, o goberno galego pon data á finalización das obras de ampliación do Hospital do Salnés. Desta volta foi o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o que reiterou o compromiso do goberno galego para que estes traballos estean totalmente rematados antes de que finalice o ano 2016. Trátase dunha actuación, dixo, que mellorará a atención cirúrxica, poscirúrxica e o servizo de urxencias deste centro hospitalario.

Durante unha visita ás obras, na que estivo acompañado entre outros pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e numerosos alcaldes da comarca do Salnés, Feijóo sinalou que con esta ampliación apóstase mellorar de forma notoria os servizos de maior utilización do hospital: o servizo de urxencias, de obstetricia e xinecoloxía, e o hospital de día.

O presidente da Xunta explicou que o hospital contará cun novo servizo de urxencias, que multiplica por catro a superficie actual e supón máis capacidade para a observación e atención dos pacientes; e disporá dunha zona específica para as urxencias pediátricas.

Renovarase tamén o bloque cirúrxico con novos quirófanos e unha área de cirurxía maior ambulatoria e contará con dúas novas salas polivalentes para o servizo de Obstetricia, dúas Unidades de Tratamento, parto e recuperación, unha consulta e unha sala de reanimación de recén nacidos. Ademais, mellorarase tamén a atención posoperatoria cunha nova unidade de coidados poscirúrxicos e un novo hospital de día con 10 boxes.

Feijóo aseverou que a sanidade pública ao servizo do paciente é a "máxima" do Servizo Galego de Saúde e garantiu o esforzo do goberno galego na súa aposta pola mellora da calidade asistencial. Nesta liña salientou que desde 2009 a Xunta leva investidos 2,5 millóns de euros na mellora do Hospital do Salnés: creando 32 novas prazas e renovando a telefonía e a televisión das habitacións "para facer máis agradable e humana a estancia dos pacientes no centro".

Logo de salientar que estas obras de mellora compleméntanse co novo centro de saúde de Vilalonga, o presidente galego destacou o compromiso e o traballo dos profesionais do Sergas que fixeron posible que desde 2009, no Hospital do Salnés a media dos días de espera para recibir atencións cirúrxicas pasase de 70 a 40 días; que os pacientes de prioridade 2 esperen só 23 días, a terceira parte do tempo ca en 2009, ou se aumentaran as intervencións nas mañás.