A Xunta dá luz verde ao convenio para completar o saneamento en Tenorio

Cerdedo Cotobade
14 de decembro 2023

O Executivo autonómico autorizou este xoves o convenio de colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade para completar o servizo de saneamento municipal da parroquia de Tenorio, cun investimento que supera os 377.000 euros  

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia Xunta de Galicia

O Executivo autonómico autorizou este xoves o convenio de colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade para completar o servizo de saneamento municipal da parroquia de Tenorio, cun investimento que supera os 377.000 euros.

O acordo aprobado na reunión semanal do Consello da Xunta permite a cooperación da Administración autonómica para ampliar o servizo de saneamento nos núcleos de Covas, A Torre Vella e O Río Tenorio mediante a execución de 6 tramos de colectores de saneamento.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación achegando preto de 336.000 euros. O Concello de Cerdedo-Cotobade contribuirá ao financiamento restante, destinando algo máis de 41.500 euros.

As actuacións obxecto deste convenio serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027.

Augas de Galicia tamén levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, a entidade local asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución dos traballos, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.