O Consello da Xunta de Galicia autorizou este xoves o proxecto de decreto no que se declara a utilidade pública e disponse a urxente ocupación dos terreos afectados pola segunda fase de acondicionamento e mellora da seguridade viaria da estrada autonómica PO-531 no lugar da Devesa, na parroquia pontevedresa de Alba.
Desta forma a administración autonómica dá luz verde á expropiación das 52 leiras afectadas polo proxecto de mellora desta estrada que comunica Pontevedra con Vilagarcía, nos puntos quilométricos 6+500 e 7+250.
A intención do goberno galego é agora licitar en poucas semanas o contrato das obras, que contan cun orzamento que rolda os 578.000 euros.
Trátase dun proxecto de mellora da seguridade viaria que continúa as obras realizadas en 2017 na mesma estrada, e cuxo obxectivo é conseguir a redución da velocidade de circulación na zona.
Para iso construirase unha glorieta de 44 metros de diámetro á saída da Devesa. Na rotonda entroncarase un ramal de novo trazado, que conectará co viario principal deste núcleo e que permitirá eliminar o carril central existente para realizar o xiro á esquerda na intersección.
A actuación compleméntase coa rehabilitación do firme, a habilitación de drenaxe transversal e lonxitudinal e a reposición da sinalización e das barreiras necesarias.