A Xunta, disposta a suprimir un carril na ponte da Barca se hai acordo entre Pontevedra e Poio

Pontevedra
14 de febreiro 2018

O único xeito de poder ampliar as beirarrúas na ponte da Barca, como solicitaron Pontevedra e Poio, é suprimir un dos carrís de circulación. Así o asegura a Xunta de Galicia, que insta aos dous concellos a poñerse de acordo na ordenación de tráfico que provocaría o sentido único na ponte

Ponte da Barca
Ponte da Barca / Mónica Patxot

O único xeito de poder ampliar as beirarrúas na ponte da Barca, como solicitaron Pontevedra e Poio, é suprimir un dos carrís de circulación. Así o asegura a Xunta de Galicia que, a través do seu departamento de Infraestruturas insta aos dous concellos a poñerse de acordo na ordenación de tráfico que provocaría o sentido único na ponte.

O goberno galego insta, polo tanto, a que Pontevedra e Poio trasladen á Xunta un acordo "claro e explícito" ao respecto.

Desa forma, explica a conselleira de Infraestruturas, sería posible abordar a modificación da sección da ponte a un carril con sentido único de circulación, facendo "viable" a ampliación de beirarrúas e da cuberta proxectada de forma compatible coa seguridade dos peóns.

A Xunta remitiu a ambos os dous municipios os planos dos estudos técnicos que acreditan que a ampliación das beirarrúas está supeditada á circulación nun sentido a través dun único carril.

No escrito que acompaña os planos, Ethel Vázquez apela ao "criterio determinante" dos técnicos en materia de seguridade viaria. Segundo estes, explica, a ampliación das beirarrúas mantendo o dobre sentido de circulación non é posible.

A ponte da Barca carece de beiravías e a barreira de seguridade que separa a beirarrúa actual está xusto no borde do carril, recorda a conselleira.

Nesas condicións, estreitar os carrís de circulación para ampliar as beirarrúas produciría "situacións de risco" para peóns e vehículos, especialmente no caso de cruzamento entre, por exemplo, un camión e un autobús. 

Ademais, os técnicos sinalan que ampliar as beirarrúas mantendo o actual dobre sentido obrigaría a adaptar a calzada á nova normativa en materia de sistemas de contención, é dicir, a instalar unha barreira de seguridade moito máis ancha que a actual e, polo tanto, cunha maior ocupación da calzada que impediría gañar espazo para os peóns.