As beirarrúas da ponte da Barca non se ampliarán

Pontevedra
01 de marzo 2018

A reforma da ponte da Barca non incluirá a ampliación das beirarrúas. A negativa de Poio a acordar con Pontevedra a implantación dun carril único de circulación, condición esixida pola Xunta para incluír esta actuación no proxecto, levará a que esta actuación se execute como estaba exposta inicialmente

Ponte da Barca
Ponte da Barca / Mónica Patxot

A reforma da ponte da Barca non incluirá a ampliación das beirarrúas. A negativa de Poio a acordar con Pontevedra a implantación dun carril único de circulación, condición esixida pola Xunta para incluír esta actuación no proxecto, levará a que esta actuación se execute como estaba exposta inicialmente.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, explicou que Pontevedra xa coñece a postura do seu concello, que está disposto a reconsiderar a súa posición se a Xunta de Galicia desbloquea a construción do coñecido como viario de O Vao, proxectado polo goberno de Fraga.

O carril único de circulación, entende Sobral, provocará máis problemas de tráfico na zona da Barca e A Caeira, polo que rexeita esta medida sen que exista antes outra solución para desconxestionar a circulación.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, explicou que o goberno galego e os dous concellos están de acordo en cambiar a marquesiña, renovar a iluminación e reforzar de maneira "urxente" a estrutura da ponte, unha actuación que considera "compatible" cunha ampliación "posterior" das beirarrúas.

Os técnicos manteñen, segundo a conselleira, que a ampliación de beirarrúas, por motivos de seguridade, só é posible reducindo a un carril a circulación na ponte. En todo caso, asegura que a Xunta "non impoñerá" ningunha medida a este respecto, deixando en mans dos dous concellos unha posible solución.

Se existe acordo, as beirarrúas executaríanse nunha "segunda fase", xa que a actuación planeada "non pode esperar".