A Xunta licitará este mes o equipamento da residencia de maiores de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
20 de abril 2021

Con esta actuación, o goberno galego case triplicou as prazas nesta residencia ao pasar de 18 a 48. As antigas instalacións destinaranse integramente a centro de día, que manterá as 30 prazas actuais

Visita da conselleira á residencia de maiores de Cercedo-Cotobade Xunta de Galicia

A Xunta licitará este mes o equipamento da residencia de maiores de Cerdedo, en cuxa ampliación investiu máis de 2 millóns de euros.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este luns este centro que case triplicou o número de prazas, ao pasar de 18 ás 48 actuais.

Fabiola García remarcou que a creación destas novas prazas non só permitirá ampliar o servizo senón melloralo. As antigas instalacións destinaranse integramente a centro de día, no que se manterán as 30 prazas actuais con máis espazo. 

O novo edificio no que se situará a residencia contará tamén cunha maior amplitude ao distribuírse en 24 habitacións dobres con baños propios, así como cunha área de administración, unha área de atención especializada e outra de servizos xerais como lavandería ou mantemento.