A Xunta saca a concurso a contratación de servizos sanitarios complementarios ao Sergas por valor de 11 millóns

Pontevedra
02 de setembro 2024

Desde a Xunta de Galicia destacan que os servizos obxecto deste Acordo Marco resultan "imprescindibles" para dar unha axeitada asistencia sanitaria a pacientes do Sergas, "con carácter complementario dos servizos propios" e para reducir as listas de espera para intervencións cirúrxicas

Hospital Montecelo Mónica Patxot

A Xunta de Galicia saca a concurso a contratación de servizos sanitarios complementarios aos que presta o Servizo Galego de Saúde (Sergas) na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés por un valor de 11,1 millóns de euros. 

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión deste luns a contratación por procedemento aberto dun acordo marco para a prestación de servizos sanitarios.

A licitación afecta a unha área sanitaria que atende unha poboación de ao redor de 300.000 cidadáns e terá unha duración de catro anos.

Os servizos sanitarios que se proporcionarán á poboación inclúen, entre outras, as seguintes prestacións: procesos de área médica, cirurxía xeral, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, uroloxía, cirurxía vascular, otorrinolaringoloxía de alta, media e baixa complexidade, consultas, procedementos de diagnóstico ambulatorios, e neuro-rehabilitación.

Desde a Xunta de Galicia destacan que os servizos obxecto deste Acordo Marco resultan "imprescindibles" para dar unha axeitada asistencia sanitaria a pacientes do Sergas, "con carácter complementario dos servizos propios" e para reducir as listas de espera para intervencións cirúrxicas.

Explican, ademais, que o impacto que desde o ano 2020 provocou a pandemia da covid obrigou á reorganización do sistema sanitario para afrontar o importante incremento de pacientes xerados por esta enfermidade, sen deixar de atender ao resto de doentes.

Este Acordo Marco é, para a Xunta, "o procedemento máis idóneo", por ser "o mellor sistema a efectos de racionalización da contratación pública e acadar unha mellor eficiencia na tramitación dos expedientes, ao tratarse de prestacións de servizos de uso común en todos os centros sanitarios desta área".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora