A Xunta somete a información pública o proxecto da senda peonil entre Alba e San Caetano

Pontevedra
09 de novembro 2018

A Consellería de Infraestruturas publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto da senda peonil na estrada PO-225, no treito entre Alba e San Caetano

Peregrino polo Camiño portugués ao seu paso por Alba
Peregrino polo Camiño portugués ao seu paso por Alba / Fundación Amigos Camiño Portugues

A Consellería de Infraestruturas publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto da senda peonil na estrada PO-225, no treito entre Alba e San Caetano, no Concello de Pontevedra.

O proxecto de construción estará exposto durante trinta días hábiles, contados a partir deste sábado, para que as persoas que o consideren oportuno poidan presentar alegacións á concepción global do trazado deseñado. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información deste procedemento: https://bit.ly/2DbPTn1

O proxecto centrarase na construción dunha senda duns 580 metros no treito que conecta os núcleos de Alba e San Caetano, desde o punto quilométrico 0+330 ao 0+910.

Trátase dun itinerario cun ancho variable, en función do espazo dispoñible, e sempre con 1,8 metros de ancho mínimo, separada da calzada naqueles treitos onde existe espazo suficiente, por unha franxa axardinada e o correspondente bordo delimitador.

No núcleo de San Caetano tamén se prevé na marxe dereita da estrada o acondicionamento da fronte da capela e un pequeno tramo de senda.

Esta actuación do goberno galego está incluída no Plan de Sendas na comarca de Pontevedra, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.

O itinerario é complementario á variante de Alba, pois incidirá na mellora da seguridade de veciños e peregrinos, posto que se corresponde cun treito do Camiño Portugués.