Adxudicadas as obras para crear o novo sendeiro peonil entre Alba e San Caetano polo Camiño Portugués

Pontevedra
29 de maio 2020

A previsión da Xunta de Galicia é que estes traballos comecen a finais de xullo coa intención de que estean rematados neste 2020. Vai construirse unha senda peonil de 600 metros nas dúas marxes da estrada autonómica PO-225. O executivo galego convoca tamén os propietarios dos terreos afectados para pagar os depósitos 

Deseño da nova senda peonil entre San Caetano e Alba
Deseño da nova senda peonil entre San Caetano e Alba / Xunta de Galicia

A empresa Oresa S.L. será a encargada de levar a cabo os traballos de construción do novo sendeiro peonil entre San Caetano e Alba, no municipio de Pontevedra. A Consellería de  Infraestruturas e  Mobilidade adxudicaba este venres as obras por unha cifra que se sitúan en 478.385 euros.

Prevese que as obras se inicien a finais do mes de xullo e o obxectivo é que finalicen ao longo deste 2020. A actuación centrarase en crear un itinerario de 600 metros nas dúas marxes da estrada autonómica PO-225, no tramo que une os puntos de Alba e San Caetano. Crearanse accesos ás empresas que se atopan situadas na zona. 

Este itinerario coincide co trazado do Camiño de Santiago Portugués e a intención desde a Xunta de Galicia é que toda esta contorna se revalorice. Para executar a obra rectificarase a curva entre os puntos quilométricos 0+860 e 0-940 e tamén se reordenará unha intersección para favorecer a seguridade peonil e circulatoria na zona.

Estes traballos encádranse no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Pontevedra e contan con cofinanciamento dos Fondos FEDER 2014/2020. 

Ademais, este venres tamén se publicaba no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria aos propietarios dos terreos que ven afectados pola execución destas obras para o pago dos depósitos previos e a formalización das actas de ocupación.

As persoas convocadas terán que acudir o 15 de xullo ao Pazo da Cultura de Pontevedra, en horario entre as 10.00 e as 13.45 horas. Estes actos realizaranse sempre de acordo con medidas preventivas para evitar contaxios a través do protocolo de seguridade aprobado polo Consello de la Xunta o 8 de maio.