Abandonan entullo e catro frigoríficos no ENIL do río Gafos

Pontevedra
29 de outubro 2020

Vaipolorío denuncia unha gran vertedura de entullos nunha vía de servizo do Tren de Alta Velocidade (TAV), no espazo natural de interese local (ENIL) do río Gafos

Abandonan entullo e catro frigoríficos no ENIL do río Gafos / Vaipolorío

Despois de 20 anos traballando na limpeza e conservación do río dos Gafos os voluntarios da Asociación Vaipolorío non perderon a súa capacidade de asombro.

A súa desagradable sorpresa está provocada polo descubrimento dunha gran vertedura de entullos nunha vía de servizo do Tren de Alta Velocidade (TAV), no espazo natural de interese local (ENIL) deste río.

Tirando de retranca esta asociación ecoloxista publicou nas súas redes sociais: "Xa ten mérito cargar, trasportar e valeirar nun tractor, furgoneta ou coche, con 4 frigoríficos, un arcón conxelador, 4 sacos de obra de un metro cúbico de capacidade cheos de planchas de fibrocemento ondulado (Uralita) con amianto, para vertelos neste caso (outro mais) na vía de servicio do T.A.V. que discurre paralela o ENIL do río Tomeza – Gafos co risco de que te poidan sancionar".

Vaipolorío puxo en coñecemento do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil, da Policía Autonómica e da Policía local de Pontevedra.