Nova vertedura de augas fecais ao río Gafos

Pontevedra
11 de novembro 2020

Vaipolorío denuncia nas súas redes sociais e pon en coñecemento de Augas de Galicia e a Policía Autonómica un novo foco contaminante á altura de Tomeza que encheu as augas do río de refugallos que os veciños de Vilaboa tiran ao sumidoiro

Vertedura ao río dos Gafos / Vaipolorío

O leito do río Gafos amenceu este mércores cunha nova vertedura. O colectivo ecoloxista Vaipolorío puxo en coñecemento de Augas de Galicia e da Policía Autonómica a contaminación de augas fecais e refugallos que os veciños tiran á rede de sumidoiros nun tramo do río que transcorre pola parroquia pontevedresa de Tomeza.

Os voluntarios desta asociación puideron comprobar que a orixe desta vertedura está nun colector pertencente ao Concello de Vilaboa, pero situado en chan pontevedrés e que transcorre de forma paralela ao leito fluvial.

Alertan os ecoloxistas que este pozo de rexistro adoita atascarse de forma habitual e verter as súas augas ao río, polo que esixen unha intervención inmediata para poñer fin a este foco de contaminación.

Moitos veciños que paseaban este mércores pola contorna do Gafos puideron comprobar a estraña cor da auga, así como unha gran cantidade de papeis, plásticos e mesmo restos das perigosas toallitas desechables enganchadas á vexetación de ribeira. 

"É incrible as cousas que nos temos atopado e fala moito do que as persoas botan ás alcantariilas. Temos visto galiñas mortas, fregonas e moitísimas toallitas, que aínda que din que son biodegradables, non o son", denuncian desde Vaipolorío.