Abre o prazo para os 'Campamentos Urbanos de Verán' de Vilagarcía

O Salnés
04 de abril 2022

O prazo de inscrición para as idades comprendidas entre 3 e 7 anos ábrese desde o martes 5 ata o 25 de abril con sesenta prazas que se cubrirán por orde, a excepción de seis prazas reservadas para menores de familias usuarias dos Servizos Sociais

Imaxe promocinal dos campamentos

Os Campamentos Urbanos de Verán regresan outro ano máis para goce da mocidade vilagarciá. Este programa de balde pretende ocupar o tempo de lecer e facilitar a conciliación das familias vilagarciáns con crianzas entre 3 e 7 anos.

O prazo de inscrición para estas idades ábrese desde o martes 5 ata o 25 de abril con sesenta prazas que se cubrirán por orde, a excepción de seis prazas reservadas para menores de familias usuarias dos Servizos Sociais, coa posibilidade de ampliar o número de postos de adxudicación directa para menores ucraínos acollidos en Vilagarcía. Así mesmo, nos vindeiros días dispoñeranse tamén convocatorias para campamentos de 8 a 11 e de 12 a 16 anos.

Como requisito para poder inscribirse, ambos proxenitores deben acreditar a súa ocupación laboral ou situación de ERTE e estar empadroados ou traballar en Vilagarcía.

Os centros educativos Arealonga e Vagalume son os espazos que acollerán as actividades durante o período comprendido entre o 1 de xullo e o 12 de agosto. O horario será de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres.

A organización dos participantes seguirá un protocolo anticovid mediante a creación de seis grupos independentes en base ás idades formados por dez estudantes e unha persoa de monitorado.

Para acceder ás bases e formularios de inscrición, pódese consultar a páxina web do concello e a sede municipal, onde tamén se publicará a lista de admitidos o 3 de maio. As persoas aceptadas deberán confirmar a súa praza a través do correo electrónico ou por teléfono 986 099 200 extensión 212.