Abren un proceso de consulta cidadá para deseñar o novo servizo de recollida de lixo

Pontevedra
28 de novembro 2019

Conseguir que o novo contrato de xestión de residuos urbanos sexa "moito mellor" e "máis acaído" ás necesidades de Pontevedra que o actual. É o obxectivo que persegue o goberno municipal coa activación dun proceso de participación cidadá que permita "entre todos" mellorar este servizo

Servizo de recollida de lixo en Pontevedra
Servizo de recollida de lixo en Pontevedra / Mónica Patxot

Conseguir que o novo contrato de xestión de residuos urbanos sexa "moito mellor" e " máis acaído" ás necesidades de Pontevedra que o actual. É o obxectivo que, segundo o edil Raimundo González, persegue o goberno municipal coa activación dun proceso de participación cidadá que permita "entre todos" mellorar este servizo.

Este "muíño de ideas", como o cualificou González, servirá para que a empresa Lagares Oca, que se encargará de elaborar os pregos do novo contrato en colaboración cos servizos técnicos municipais, deseñe un sistema de xestión e tratamento do lixo que sexa "eficiente e de calidade".

Haberá dúas vías polas que veciños e colectivos poderán realizar as súas propostas. A máis directa, a través da web municipal, na que se habilitará un formulario para que os cidadáns envíen as súas suxerencias. A intención é que todas elas sexan atendidas nun prazo de 24 horas, segundo explicou Raimundo González.

Ademais, o goberno municipal manterá reunións presenciais con diversos colectivos. Os primeiros serán as tres federacións veciñais, Castelao, Teucro e Boa Vila, o vindeiro martes. A elas seguiranlles as asociacións empresariais AJE, AEMPE e Zona Monumental, colectivos ecoloxistas ou comunidades de montes. Haberá tamén asembleas por barrios e parroquias.

O edil do BNG sinalou que o Concello inicia este proceso cun "plantexamento aberto", xa que asegurou que "non temos nada pechado" salvo o que, por obrigación das directivas europeas, haxa que incluír no novo contrato. Ademais, manterase "absolutamente" a aposta pola compostaxe para tratar os residuos orgánicos.

O Concello fai, por tanto, un "chamamento expreso" aos cidadáns para que colaboren neste proceso, xa que Raimundo González indicou que "este é o mellor momento" para que "todo o mundo poida opinar e plantexar alternativas".

O responsable municipal en materia de residuos destacou que esta fase de participación supón o "pistoletazo de saída" para a tramitación dun novo contrato que, segundo as previsións do Concello, deberá estar en licitación en setembro de 2020 e que entrará en vigor antes de que finalice a actual vinculación con Ferrovial Servicios, en xuño de 2021.

"A partir de hoxe poñemos todo o operativo en marcha", sinalou Raimundo González, que estima que este período de consultas dure tres meses e que dará paso, unha vez que termine, á redacción dos pregos do novo contrato, "o máis importante" do Concello, xa que supón uns 6 millóns de euros anuais.

Esta cantidade ascende a preto de 10 millóns, explicou, se se suman outros contratos relacionados co tratamento de residuos ou limpeza viaria, entre eles o diñeiro que Pontevedra paga a Sogama -uns 2,2 millóns ao ano- ou todo o relacionado coa compostaxe.