"Abrir unha etapa de diálogo" e "reivindicar Belas Artes", entre os obxectivos do novo decano

Pontevedra
11 de setembro 2019

A Facultade de Belas Artes ten novo decano. Trátase do profesor do Departamento de Escultura, Xosé Manuel Buxán, que con 26 votos a favor e 24 en contra, foi elixido novo representante na votación celebrada este mércores

Novo equipo decanal da Factultade de Belas Artes
Novo equipo decanal da Factultade de Belas Artes / DUVI Pontevedra

A Facultade de Belas Artes ten novo decano. Trátase do profesor do Departamento de Escultura, Xosé Manuel Buxán, que con 26 votos a favor e 24 en contra, foi elixido novo representante na votación celebrada na Xunta de Facultade este mércores.

Tras a dimisión o pasado mes de xuño de Silvia García, despois de que a xunta rexeitase a memoria do grao en Deseño e Creación, a candidatura encabezada por Buxán foi a única que concorreu ao proceso electoral.

O obxectivo do novo decano é "abrir unha etapa de diálogo e normalidade" no centro e de "reivindicar Belas Artes". Así mesmo, o novo equipo decanal salienta a revisión do actual plan de estudos do grao de Belas Artes así como a "creación dun novo curso" que tome a substitución do desaparecido máster en Arte Contemporánea.

Doutra banda, Buxán destacou a necesidade de realizar unha renovación paulatina e consolidación de novas prazas de profesorado xa que "en xeral somos un corpo de docentes maior con necesidades de substitución".

Tamén salientó a importancia de traballar na "optimización de espazos e recursos" que garanta que tanto alumnos e profesores estean cómodos nos espazos dos que dispoñen. 

Por último, o decano buscará fomentar o diálogo, consensos e a colaboración entre todos para "reivindicar Belas Artes e o que significa", así como penetrarse no contexto artístico e profesional galego e español, xa que "o alumnado desta facultade é o que vai xerar o patrimonio do século XXI".

Xunto con Xosé Manuel Buxán o equipo decanal complétano, como vicedecanos, o profesor do Departamento de Pintura, Carlos Tezo e o docente do Departamento de Escultura, Javier Tudela, e a profesora do Departamento de Pintura, Chelo Matesanz, como secretaria académica.