Absolven os catro sospeitosos de secuestrar ao socio de Pelopincho en Pontevedra en 2010

Pontevedra
06 de febreiro 2020

A Audiencia de Pontevedra sostén na súa sentenza que carece de indicios suficientes que permitan atribuír a comisión do delito de detención ilegal que lles imputaba a Fiscalía. O fallo conclúe que a detención ilegal "non é máis que unha mera hipótese #ante a imposibilidade de poder atribuír un delito diferente ao non terse máis noticias do desaparecido"

Xuízo pola desaparición de Bernardo Villaverde Amil Cristina Saiz

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu os catro acusados de ser os responsables da captura e desaparición do veciño de Monte Porreiro Bernardo Villaverde Amil no ano 2010, no que en ambientes policiais consideraron que tivo que ver cun axuste de contas por narcotráfico. A presunta vítima, cuxo corpo nunca apareceu, era presuntamente socio de José Antonio Pouso Rivas, alias ' Pelopincho'.

O fiscal mantiña que os catro acusados acudiron ao domicilio de Villaverde Amil en Monte Porreiro ao mediodía do 19 de novembro de 2010 e, cando el e a súa esposa trataban de introducir o coche no garaxe, un dos acusados introduciuse no seu coche e abandonaron o lugar. Detrás ían outros dous coches nos que viaxaban os outros tres acusados. Previamente, os catro acusados reuníronse o día anterior nas proximidades dun hotel en Santiago  para preparar a captura e desaparición. Desde entón, tan só se tivo noticias del dúas horas despois por unha breve conversación telefónica coa súa esposa

Fronte a esta acusación, o tribunal sostén na súa sentenza que carece de indicios suficientes que permitan atribuír a comisión do delito de detención ilegal que lles imputaba a Fiscalía. O fallo mesmo vai máis aló e conclúe: "É máis, cabería soster, mesmo, que a detención ilegal que se veu atribuíndo aos procesados non é máis que unha mera hipótese ante a imposibilidade de poder atribuír un delito diferente ao non terse máis noticias do desaparecido desde aquel afastado 19 de novembro de 2010 en que saíu voluntariamente do seu domicilio e a súa parella sentimental viuno por última vez". 

Os maxistrados da sección cuarta da Audiencia sosteñen que Villaverde Amil saíu voluntariamente do seu domicilio sobre as 12.30 horas e, ás 13.56 horas, pola conversación telefónica que mantivo coa súa parella sentimental, "todo estaba ben"

Segundo o tribunal, non existe "ningún dato" que indique que nese momento se achaba retido en contra da súa vontade, de modo que se descoñece en que momento e por quen se privou  ilegítimamente da liberdade ao desaparecido.

O proceso xudicial abriuse fai xa máis de nove anos, en 2010, contra Juan Manuel Fabeiro Torres; Juan José  Chaves González; Fernando Suárez Suárez, O Pirata; e Manuel Sineiro Fernández, coñecido como Machucho e con antecedentes por narcotráfico que lle levaron a prisión. A Fiscalía consideraba que os catro eran autores dun delito de detención ilegal agravada e debían ser condenados a dez anos de prisión.